Marea Pontevedra pide ao pleno que rexeite a sentenza de "La Manada"

Pontevedra
02 de maio 2018

Ademáis o texto denuncia "o feito de que as mulleres sigamos sendo dobremente vítimas: por parte dos agresores e por parte dunhas institucións asentadas no patriarcado e na criminalización das agredidas"

Concentración contra a sentenza do Tribunal de Navarra no caso de 'La Manada' Mónica Patxot

Marea Pontevedra solicita que o pleno de Pontevedra exprese o seu rexeitamento ao fallo xudicial da sentenza xudicial ao grupo de mozos coñecido como "La Manada". A concelleira de Marea Pontevedra, Carmen Moreira, rexistrou este mércores o texto.

A moción pide que o Concello manifeste o rexeitamento á sentenza e á interpretación legal realizada polos maxistrados da Audiencia de Navarra, entendendo que si existiu intimidación e, polo tanto, unha violación que debe ser considerada agresión sexual, e non abuso, tal e como se establece nos artigos 178 e seguintes do Código Penal.

Ademáis o texto denuncia "o feito de que as mulleres sigamos sendo dobremente vítimas: por parte dos agresores e por parte dunhas institucións asentadas no patriarcado e na criminalización das agredidas".

Marea quere que o Concello inste ao Goberno e ás Cortes a levar a cabo as políticas e iniciativas lexislativas precisas para equiparar normativamente a ausencia de consentimento á súa negativa no eido dos delitos contra a liberdade e a indentidade sexual.

Engade a moción que o goberno local debe intensificar, nas políticas do Concello, a perspectiva de xénero para garantir un sistema máis xusto e democrático ás mulleres que residen nel.

Finalmente Marea pide que se instauren medidas reais de empoderamento das mulleres en tódolos ámbitos, nomeadamente nas institucións; así como garantir instrumentos de concienciación social que sirvan para educar na igualdade e na liberdade das persoas coa fin de rematar coas violencias machistas.