Marea Pontevedra pedirá unha auditoría das contas municipais

Pontevedra
10 de xuño 2015

A petición da auditoría é un dos acordos adoptados en asemblea polos membros de Marea xunto coa decisión de votar a Luis Rei como alcalde durante o pleno de constitución o próximo sábado día 13

Luis Rei e María del Carmen Moreira, concelleiros electos de Marea PontevedraViva

Marea Pontevedra anunciou este mércores que no primeiro pleno tras a constitución da nova corporación municipal propoñerán a realización dunha auditoría das contas do Concello.

"Invítannos a subir a un coche no que non sabemos se ten gasolina", declarou o voceiro de Marea, Luis Rei.

Os membros da Marea afirman que sentenzas como as de Sogama, o posible revés xudicial no caso Véteris, a factura pola elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal, ou a multa pola usurpación de terreos no río Gafos, "suman preto de 13 millóns de euros", que hipotecan o presuposto do concello, dixo a voceira de Marea, María del Carmen Moreira.

A petición da auditoría é un dos acordos adoptados en asemblea polos membros de Marea xunto coa decisión de votar a Luis Rei como alcalde durante o pleno de constitución o próximo sábado día 13.

Antes de acudir ao pleno, no Teatro Principal, os membros de Marea concentraranse ante o monumento aos Heroes de Ponte Sampaio situado na Alameda "onde estiveron acampados os indignados do 15 M". Dende alí camiñarán acompañando os concelleiros electos, Luis Rei e María del Carmen Moreira.

A asemblea do venres, ademais, serviu para analizar a proposta do BNG para que calquera grupo político municipal que o desexe poida entrar no grupo de goberno e asumir tarefas de xestión en determinadas áreas.

O que para os nacionalistas era unha proposta de transparencia democrática e para tender pontes con todas as formacións representadas no pleno, para os membros de Marea é "socializar os erros" que comete o goberno local, polo que rexeitaron tal formulación.

Arquivado en