Guillermo Casalderrey e Mari Carmen Moreira confírmanse, xunto co candidato á Alcaldía Luis Rei, como os grandes referentes de Marea Pontevedra. Eles liderarán as dúas grandes áreas de traballo na que a asemblea deste colectivo cidadá repartiu o seu traballo. Con elas poñen en marcha, segundo os seus responsables, un goberno "transparente" fronte ao verdadeiro "goberno na sombra" do bipartito municipal nos últimos 16 anos.
Este goberno da Marea, liderado por Luis Rei, estará conformado por dúas grandes áreas: unha área centrada na xustiza territorial, coordinada por Guillermo Casalderrey, e coa misión de velar polas propostas en materia territorial e os dereitos das parroquias; e outra área, coordinada por Carmen Moreira, centrada na xustiza social e coa misión de velar polos dereitos da cidadanía.
A área de xustiza territorial fará seguimento de tres das actuais comisións informativas do concello: Economía, Facenda e Contas; Urbanismo e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Infraestruturas, e contará coa participación, xunto a Guillermo Casalderrey, dos candidatos José Antonio Ramírez, Carmen Peña, Bruno González, David Carballal, Anxo Corbillón e Esteban Rey.
A área de xustiza social fará seguimento das outras tres comisións informativas do concello: a de Cultura, Festas e Políticas sociais; a de Promoción Económica, Educación, Deportes e Turismo e mais a de Recursos Humanos e Réxime Interior. Canda Carmen Moreira, intégranse nesta área os candidatos Herminia Dios, María Luísa Lores, Vanessa Angustia, Raquel Vázquez, Joshua Juárez e Cynthia Piña.
Todos eles iniciarán, ademais, a recollida das denuncias e das suxestións que a veciñanza lles faga chegar. En apoio deste traballo, Marea Pontevedra ven de abrir na súa web o apartado Concello Aberto, destinado a recoller as "deficiencias clamorosas" do modelo de cidade do actual concello, "excluínte dos de abaixo e das parroquias"; fronte ao que Marea recollerá propostas para "un concello inclusivo desde a xustiza social e territorial".