Marea Pontevedra celebra os dous concelleiros obtidos ao berro de "Foi posible"

Pontevedra
24 de maio 2015

Luis Rei e María del Carmen Moreira Martínez amosaron a súa satisfacción polos resultados e afirman que este é o primeiro paso para, dentro de catro anos, acadar a alcaldía de Pontevedra

Celebración de Marea Pontevedra tras o resultado electoral Mónica Patxot

Luis Rei, candidato de Marea Pontevedra á alcaldía, mostraba o mellor dos seus sorrisos ao subir ata a sede desta agrupación na rúa García Camba. Alí esperábano máis dunha vintena de seguidores que o recibiron con abrazos e felicitacións tras lograr dous concelleiros na corporación municipal.

As súas primeiras palabras foron para os compañeiros Xulio Ferreiro e Martiño Nogueira polos resultados das Mareas na Coruña e Santiago. E despois recordou que foi un éxito importante ao entrar con claridade a pesar de non realizar campañas de publicidade nin contar con espazos gratuítos nos medios de comunicación. E lamentou que a campaña non continuase unha semana máis para obter máis apoio.

Mostrou o seu xúbilo indicando que "somos o 15-M, somos a forza emerxente, a voz da esquerda no Concello de Pontevedra" para agradecer a confianza de 3.000 pontevedreses no proxecto de Marea Pontevedra. E engadiu que este resultado é un avance para o asalto definitivo á alcaldía dentro de catro anos.

María del Carmen Moreira Martínez, a número dous da lista de Marea Pontevedra, mostrou tamén a súa satisfacción ante as cámaras e, a continuación, os integrantes da formación con bandeiras brancas saíron á rúa para corear unha variante do lema da campaña: "Foi posible". Os militantes entenden que estes cambios reflectidos nestes resultados electorais demostran que se inicia o principio do fin do PP e que é un anticipo do que sucederá nas xerais.

Arquivado en