Marea Pontevedra considera que a póla seca de 200 quilos que rompeu nos últimos días é un "dramático berro de auxilio" do carballo de Santa Margarida logo de décadas de "abandono, desidia e maltrato" por parte das diversas administracións e solicita a elaboración urxente dun plan de protección da árbore e a implicación das administracións na súa salvación.
O partido que lidera Luis Rei considera que este carballo "corre hoxe verdadeiro risco de morte" e propón tres medidas de aplicación urxente para buscar unha solución e salvalo.
A primeira das medidas propostas é presentar unha proposición no Parlamento de Galicia urxindo á Xunta a elaboración urxente dun plan de xestión encamiñado á conservación, restauración e mellora do exemplar. O plan sería elaborado contando coa participación das diversas administracións, tanto Xunta como Concello e Deputación Provincial, conforme ao artigo 8 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
Ademais, proponen que, de acordo con este plan de conservación, o Concello, de forma coordinada e urxente con outras administracións, adopten medidas de tratamento de arboricultura dirixidas á restauración e conservación da árbore.
A terceira proposta é que o carballo sexa tratado como unha das máis valiosas árbores senlleiras de Galicia e se xestione "dende a xenerosidade, a busca de consensos e a implicación sincera" das distintas administracións, e fuxindo de propostas de parte, unilaterais e electoralistas.
Marea recorda que, ademais do abandono, foron moitos os maltratos que padeceu nos últimos anos, entre eles o danoso reasfaltado da contorna, a colocación de luminarias ou o impacto dos vehículos altos, agravado coa mala situación dun lombo baixo a súa copa.
O Concello de Pontevedra presentou un proxecto hai unha ano para actuar na contorna da árbore, que aínda está pendente de autorizacións das administracións autonómica e eclesiástica.