Marea pedirá no pleno da Deputación "que se fagan públicas as contas" da construción de Pasarón

Pontevedra
24 de agosto 2015

Será a primeira moción que se presente a petición do grupo de Marea Pontevedra. "É unha iniciativa que pide tranparencia e non debería supoñer un problema", sinala o deputado Xosé Lois Jácome

Luis Rei e Xosé Lois Jacomé Mónica Patxot

O sobrecusto na construción do Estadio Municipal de Pasarón volverá estar presente nun pleno da Deputación a través dunha moción que presentará o deputado por Marea Vigo, Xosé Lois Jácome.

Farao a instancia dos seus compañeiros de Pontevedra, que pretenden "que se fagan públicas as contas definitivas do estadio", sinalou Luis Rei.

O concelleiro pontevedrés, malia que a fiscalía arquivou a denuncia presentada polo socialista Agustín Fernández, insiste na opción de xudicializar o asunto "de confirmarse o subrecusto", unha opción que contradí o deputado Xosé Lois Jácome ao advertir que se trata simplemente de "que se fagan públicas as contas. Pide transparencia e non debería supoñer un problema", explicou.

Na súa primeira comparecencia conxunta, o deputado e o voceiro de Marea Pontevedra insistiron en que o labor da coalición na institución provinicial será a de "traballar polo baleiramento da Deputación", en relación aos centros adscritos e competencias como Príncipe Felipe, e "coa idea de que deben desaparecer".

Entre os asuntos que formularán tamén á administración provinicial encóntrase "que o parque de maquinaria e a imprenta abandonen súa ubicación" cando expire a concesión de Costas, ao encontrarse en terreos da súa titularidade.