Peque González, cabeza de lista por Pontevedra de Marea Galeguista, acompañada pola número 3 Sara Valenzuela, mantiñan un encontro este martes co director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, para tratar a situación actual do sector editorial en Galicia, derivada da crise provocada pola expansión da Covid-19.
A candidata Peque González manifestou que Marea Galeguista priorizará a creación dunha Consellería de Cultura específica, sen outras atribucións, para que se dedique plenamente a este sector que é fundamental para Galicia e que xera miles de postos de traballo. A representante de Marea apuntou a que a actual administración da Xunta mantén unha atención residual en relación á cultura.
Francisco Castro recoñecía que o Observatorio da Cultura Galega sitúa nunha cifra de mil empregos perdidos neste sector desde que comezou a crise sanitaria. O director da editorial sinalou que durante dous meses non se puido facturar nada e despois rexistrouse unha devolución masiva de mercadoría para que as librerías puidesen subsistir.
Peque González entende que desde a Xunta hai que ofrecer o apoio que precise un sector que resulta imprescindible social e economicamente. Por este motivo reclama crear campañas para defender a lingua, fomentar a lectura e investir nas bibliotecas para garantir a difusión das obras en galego.
En leste mesmo sentido, Francisco Castro sinalaba que Galicia é a comunidade autónoma do Estado con máis librerías por número de habitantes pero a pesar deste dato, segundo o director de Galaxia, "semella que á consellería a cultura lle molesta".