Marea buscará que o Pleno force o BNG a retomar a redacción do PXOM

Pontevedra
03 de xullo 2015
Actualizado: 18:41

O PXOM é un asunto prioritario dentro da axenda que se marcou Marea Pontevedra no primeiro mandato no que contan con representación na corporación municipal. Por iso, lamentan que o BNG manifestase que, probablemente, non retomarán a súa tramitación nos próximos anos ao negarse a incluír os terreos que ocupa ENCE como chan industrial, como así esixe a Xunta de Galicia

Primeiro Pleno da nova corporación municipal de Pontevedra Mónica Patxot

O PXOM é un asunto prioritario dentro da axenda que se marcou Marea Pontevedra no primeiro mandato no que contan con representación na corporación municipal. Por iso, lamentan que o BNG manifestase que, probablemente, non retomarán a súa tramitación nos próximos anos ao negarse a incluír os terreos que ocupa ENCE como chan industrial, como así esixe a Xunta de Galicia.

Esa é a "coartada" nacionalista, segundo afirmou este venres o voceiro de Marea, Luis Rei, que avanzou que a súa formación presentará unha moción ao próximo Pleno para buscar un acordo co equipo redactor do PXOM "que permita aproveitar o investimento e os traballos realizados ata o de agora". No caso contrario, sinalou, o Concello debe redactar os pregos técnicos para un novo concurso que deberá ser adxudicado antes de que finalice 2015.

Luis Rei entende que catro anos é "tempo dabondo" para aprobar un novo PXOM para Pontevedra e por iso "pedimos iniciar xa ese camiño". Para iso, instou aos outros tres partidos da oposición a apoiar esta moción para "deseñar a cidade futura a partir das necesidades detectadas en estudos técnicos" e que impida que o crecemento da cidade "siga sometido aos criterios arbitrarios dos políticos".

Neste sentido, Marea ve necesario que este futuro plan asegure, entre outras cuestións, unha construción ordenada de chan residencial, unha integración axeitada das parroquias na armazón urbana, unha recuperación integral da ría, a protección do monte da Fracha e unha rede de transporte público.

A pesar de que unha moción similar foi aprobada no pasado mandato deixando ao BNG en minoría, non serviu para que o PXOM recibise un impuxo. Segundo Luis Rei, porque entón "primou os intereses do pacto de goberno sobre os intereses dos cidadáns", algo que espera que non se repita con esta nova iniciativa.

En todo caso, ENCE seguirá sendo o principal cambio de batalla porque no novo plan haberá de incluír os terreos que ocupa a empresa en Lourizán como chan industrial, ao estar o seu plan sectorial por enriba do PXOM local. "Confiamos en que para entón haxa un cambio na Xunta e no Parlamento", concluíu Luis Rei, que reiterou que Marea só pensa nun escenario no que a pasteira non continúe na ría.

O PSOE REXEITA A PROPOSTA DE MAREA

Agustín Fernández, portavoz do grupo municipal socialista, sinalou que a formulación da proposta de Marea Pontevedra é un "pouco desafortunada" cando xa existe un traballo realizado. Fernández indicou que volver iniciar a redacción dun plan supoñería darlle dez anos máis ao BNG para que non se aprobe un novo PXOM. E neste sentido, engadiu que había que aproveitar todo o realizado e que o equipo de goberno non busque desculpas para non aprobar un "plan necesario". "Non se pode decir que non se pode facer un plan porque os terreos de Ence teñen consideración industrial" apuntou o voceiro socialista, "hai alternativas para evitar que iso poida supoñer un problema para os cidadáns que queiran ver ordenado o seu territorio. Os quilómetros cadrados do territorio de Pontevedra non poden estar condicionados polos 600.000 metros cadrados da concesión de Ence", que é o argumento utilizado dende o equipo de goberno para non acometer o Plan.

Segundo Agustín Fernández é necesario que se encontren solucións en lugar de buscar inimigos exteriores. "Haberá que falar coa xente. O problema do grupo de goberno é que falan con eles mesmos. Así é difícil que saian adiante os temas" concluíu o concelleiro do PSOE, que rexeita que Pontevedra siga estando regulada por un plan do ano 1989.