Marchan os turistas e comezan as obras nas beirarrúas da PO-551

Bueu
07 de setembro 2021

A actuación, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, ten como obxectivo mellorar a estabilidade da beirarrúa na marxe dereita da vía

Obras nas beirarrúas da PO-551 Xunta de Galicia

Unha vez rematado o período de maior afluencia de visitantes co fin de minimizar as afeccións ao tráfico, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou este martes as obras para o acondicionamento de beirarrúas na estrada autonómica PO-551, ao seu paso polo concello de Bueu.

A intervención, adxudicada á empresa Construcciones EC Casas por máis de 48.000 euros, e cun prazo de execución de dous meses.

Trátase de mellorar a estabilidade da beirarrúa peonil existente na marxe dereita da estrada autonómica, nun treito de 120 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 11+250 e 11+370.

Os traballos obxecto deste contrato consisten na construción dun muro de perpiaños para conter a base da zona de circulación peonil, a posterior execución dun novo recheo e, por último, a pavimentación da beirarrúa nova, cun ancho medio de 1,80 metros e pavimento de baldosa hidráulica.

Ademais, nos vaos peonís previstos, no extremo da beirarrúa, colocarase pavimento táctil direccional ou de botóns. Finalmente, realizarase a reposición da sinalización da estrada e colocarase unha varanda que permita protexer do desnivel que hai nalgúns tramos da beirarrúa.