Mara Torres e Rosa María Calaf liderarán a sexta edición do foro 'As mulleres que opinan son perigosas'

Pontevedra
27 de febreiro 2023

Chega a sexta edición, durante o venres 17 e o sábado 18 de marzo, de 'As mulleres que opinan son perigosas', un foro impulsado polas xornalistas Diana López e Susana Pedreira

Presentación da sexta edición de 'As mulleres que opinan son perigosas' Mónica Patxot

Chega a sexta edición de 'As mulleres que opinan son perigosas', un foro impulsado por Diana López e Susana Pedreira que terá lugar o venres 17 de marzo e o sábado 18 de marzo.

Farao coas xornalistas Mara Torres, María Guerra e Rosa María Calaf encabezando a nómina de relatoras. Xunto a elas estarán, entre outras, as tamén xornalistas Laura Ferrero, Nuria Labari, Marta Peirano e Aida Pena, a columnista guionista Paloma Rando ou a creadora de contido Sindy Takanashi, segundo anunciaron este luns as súas organizadoras.

Nesta sexta edición hai novidades, pero tamén volverán ás súas orixes. Así, este ano os relatorios regresan, a diferenza do ano pasado, ao Teatro Principal de Pontevedra, formando parte das actividades enmarcadas polo 8 de marzo. O foro será de entrada libre ata completar o aforamento.

Diana López Varela, codirectora deste foro, destacou que o evento busca "non só reunir a mulleres que fagan opinión ou a xornalistas en xeral", senón contribuír a promocionar a "canteira de mulleres opinadoras" que, segundo subliñou, "non sempre é fácil atopar".  

"Seguimos sendo menos que os homes nas páxinas e nos faladoiros", reivindicou López Varela, que animou a todas as mulleres a participar no I Premio de Xornalismo de Opinión As mulleres que opinan son perigosas, que se convocará no marco do congreso. A el poderá presentarse calquera muller maior de idade que elaborase un artigo de opinión, fora publicado ou non por un medio de comunicación, que teña como ancoraxe algún dos temas abordados no foro.

Optarán a dous premios de 1.000 euros, un para as pezas en castelán e outro para as que sexan en galego.

INTERVENCIÓNS

As organizadoras destacan no cartel a dúas figuras importantes. Mara Torres, xornalista na cadena SER, que sempre fomentou escribir opinión, ademais será quen pechará as xornadas o venres 17. O sábado 18 finalizarán con Rosa María Calaf, histórica correspodente de TVE.

Ademais destas relatoras, o venres 17 abrirán o congreso Diana López, Susana Pedreira, Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores. A eles, seguiranlles Alba Moledo Ucha, do Diario de Pontevedra; Aida Pena, da Cadea SER; Nuria Labari, da sección de opinión no País e María Guerra, xornalista e crítica de cinema. Durante este día participará ademais unha creadora de contido, Sindy Takanashi. 

O sábado contarán con comunicadoras como Paula Montes, xornalista en Radio Vigo, tamén con relatoras como Antía Paz, no xornal Luzes; e Paloma Rando, Marta Peirano e Laura Ferrero, que firman artigos en El País. Como novidade do sábado 18, María Martín realizará unha clase maxistral de linguaxe inclusiva. 

Na súa presentación, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou o seu desexo de que citas como esta teña unha repercusión positiva na sociedade "máis temprano que tarde" porque as mulleres que opinan "son imprescindibles".

"As mulleres teñen dereito a estar representadas. Teño que insistir as mulleres son imprescindibles en todos os campos da vida e da sociedade", defendeu o rexedor.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que este congreso, que naceu en 2018 como resposta a un foro similar sen presenza feminina, "é un dos máis relevantes dos que se fan en todo o Estado".

Silva lamentou que "tristemente" cinco anos despois "segue sendo tan importante como era entón", ante a escasa presenza feminina nas seccións de opinión dos medios, pero entende que agora "máis que de denuncia é de militancia activa".

"É castrador como sociedade que a xente non poida saber o que pensamos o 51% da poboación", sostivo a presidencia provincial, que destacou que o foro contará con mulleres "de altísimo nivel" que converterán a Pontevedra en "referencia".