Mar solicita a declaración de zona catastrófica para as rías pola alta mortaldade do marisco

Pontevedra
21 de decembro 2023

A solicitude está sustentada nos informes de Meteogalicia e Intecmar que certifican precipitacións na vertente atlántica do 15 de outubro ao 16 de novembro que superaron os 1.000l/m2 e o seu impacto na baixa salinidade nos bancos marisqueiros

Mariscadoras no banco de Lourizán Mónica Patxot

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, anunciou este mércores que Galicia ven de presentar ante a Delegación do Goberno en Galicia a petición de zona catastrófica para as rías da comunidade afectadas por unha altísima mortaldade no marisco, especialmente nos moluscos bivalvos.

En concreto o que se reclama desde a Xunta ao Estado é a declaración como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia derivada das incesantes precipitacións que tiveron lugar desde mediados de outubro ata mediados de novembro, situando como zonas afectadas aos bancos marisqueiros dos concellos costeiros pertencentes ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

O conselleiro fixo estas manifestacións durante un encontro co presidente da Federación Galega de confrarías, José Antonio Pérez, na sede da Consellería do Mar onde indicou o forte impacto deste fenómeno excepcional sobre o medio de vida de miles de mariscadores, así como de todas as actividades vinculadas a esta produción acuícola.

Desde a Consellería do Mar solicítase que “se habiliten as axudas necesarias para compensar de forma completa e inmediata ao sector afectado as perdas ocasionadas pola mortalidade severa nas poboacións de bivalvos de interese comercial”. O responsable galego resalta que se trata dunha figura que xa foi utilizada por outras comunidades autónomas ante fenómenos análogos polo que agarda que o Goberno central a mesma sensibilidade con Galicia.

Nese sentido resaltou que no caso galego “reviste maior gravidade posto que afecta ao medio de vida de moitísimas familias” a vez que lamentou que “ata o momento non houbo ningún contacto por parte do Estado para botar unha man ou interesarse pola situación”. A preguntas dos xornalistas Alfonso Villares explicou que corresponde ao Goberno central a xestión dos prazos da tramitación desta solicitude que espera que sexa atendida coa debida axilidade e recalcou que xa se está a traballar co sector en posibles liñas de axudas e nun Plan de Acción que determine as accións a tomar nos vindeiros anos e que conte coa implicación das confrarías e dos profesionais.

O Goberno galego leva semanas traballando man a man co sector na recompilación dos datos e informes necesarios nos que sustentar tecnicamente esta petición que, por outra banda reclaman os propios profesionais. Con ese obxectivo acompañan á solicitude os informes de Meteogalicia, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) E do Servizo de Análises e de Rexistros (Sarex) .

Por unha banda, o informe de Meteogalicia certifica as precipitacións excepcionais rexistradas na vertente atlántica entre o 15 de outubro e o 16 de novembro nas que se recolleron máis de 1.000 litros por m2 o que supón un 127% máis ao valor climático normal. Este fenómeno meteorolóxico adverso produciu un incremento na auga doce descargada polos principais ríos que desembocan nas rías como son os casos do Eume na ría de Ares-Betanzos, o Tambre na ría de Muros Noia, o Ulla na ría de Arousa, o Lérez na ría de Pontevedra e o Verdugo na ría de Vigo cun forte impacto na salinidade das augas.

BAIXA SALINIDADE

A salinidade da auga é o que aborda o informe do Intecmar que pon negro sobre branco o impacto negativo deste episodio de intensas chuvias no índice de salinidade das rías, sendo a causa da súa baixada ata niveis que provocaron a alta mortaldade dos bivalvos.

Como se destaca no documento, as salinidades por debaixo de 15 en determinadas especies de moluscos como o berberecho, ameixa babosa, ameixa fina ou ameixa xaponesa, fai que pechen as valvas e que cesen a súa actividade, retomándoa coa recuperación dos niveis de salinidade. Segundo estudos previos realizados na ría de Arousa, as salinidades inferiores de 15 nun período de 3 días consecutivos causan mortalidades moderadas en poboacións de berberecho e ameixa babosa. Cando a salinidade baixa de 5 durante 4 días consecutivos a mortalidade será severa, afectando tamén, aínda que en menor medida, á ameixa fina e xaponesa.

O centro pon o foco nas súas medicións na ría de Arousa, a máis importante en canto produción marisqueira, na que conta con 14 estacións automáticas e oceanográficas e sinala que foi a partir de 24 de outubro cando comeza a observarse un paulatino descenso de la salinidade rexistrada tanto en superficie como no fondo. En cada ciclo de marea, os valores máximos de salinidade de fondo se recuperan por encima do nivel 15 ata o día 4 de novembro, no que o nivel de fondo alcanzou valores inferiores a 5 e incluso valores 0. Cifras que volveron a rexistrarse nos días 11, 12, 13, 14 e 16 de novembro.

Destaca especialmente que durante as dúas preamares do día 13 e a primeira preamar do 14, é dicir, durante polo menos 36 horas, a salinidade máxima conseguida estivo en valores extremadamente baixos, entre 0 e 7, o que podería desencadear mortalidades severas dos moluscos. Este análise esténdese ás rías de Ares-Betanzos, Muros-Noia, Pontevedra e Vigo na que as estacións oceanográficas rexistraron comportamentos similares respecto ao índice de salinidade.

EFECTOS NO STOCK

Pola súa banda o CIMA realizou unha avaliación sobre os efectos da baixa salinidade no stock de bivalvos no banco marisqueiro dos Lombos do Ulla estimando unha mortaldade para o berberecho do 76.5%; para a ameixa xaponesa unha mortalidade do 25.1%; e para as ameixa fina e babosa una mortalidade do 44.2% e 87.9% respectivamente. Cifras que reflicten un evento de mortalidade severa e confirman, polo tanto, os esperados atendendo aos baixos valores de salinidade rexistrados. Un informe que serviu de modelo para as confrarías afectadas á hora de que as asistencias técnicas avalíen o estado do stock no resto dos bancos marisqueiros que nalgúns casos as estimacións iniciais alcanzan ao 100% da produción. Uns informes complexos e laboriosos nos que se está traballando e que unha vez realizados serán engadidos ao resto da documentación xa remitida ao Goberno central.

DESCENSO DE FACTURACIÓN

Outro dos aspectos que aborda a documentación aportada pola Xunta na súa solicitude son os efectos na produción e na facturación do sector que conta con 3.600 permisos de explotación de marisqueo a pe, con preto de 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a frote e con 700 permisos con algunha modalidade de recursos específicos. No 2022, en termos organizativos de xestión, máis de 70 entidades asociativas alcanzaron una produción de 8.279 toneladas de produtos marisqueiros por un valor de 78,5 millóns de euros. Segundo os datos aportados polo Sarex o sector viu un descenso da produción de máis do 80% e na facturación do 57% respecto ao rexistrado o ano pasado no período comprendido entre o 24 de outubro ata o 24 de novembro, resultando unhas cifras similares respecto á comparativa coas cifras da última década cun descenso da produción do 77,4% e do 55,2% da facturación.