Un Mapa de Cidade Global impulsa a proxección internacional de Pontevedra

Pontevedra
30 de outubro 2024
Actualizado: 16:57

O vindeiro martes 5 de novembro, o Pazo de Mugartegui acollerá a presentación do Mapa de Pontevedra Cidade Global, unha ferramenta que busca destacar as conexións internacionais da cidade.

Mapa de Pontevedra Cidade Global Concello de Pontevedra

A iniciativa denominada Mapa dePontevedra Cidade Global, froito da colaboración entre o Concello de Pontevedra e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), estará dispoñible tanto en formato físico como dixital a través da web pontevedra.hub.gal.

Este mapa contará con versións en cinco idiomas: galego, inglés, chinés, castelán e portugués.

O acto de presentación vai desenvolverse o martes 5, ás 18.00 horas, no Pazo de Murgartegui. 

Participarán Anabel Gulías, concelleira de igualdade, turismo e deporte; Xan Sabarís, responsable do deseño visual; a historiadora Cecilia Novas Garrido, encargada do relato histórico; e Daniel González Palau, director do IGADI. 

O evento será presentado pola xornalista Belén López.

Este proxecto, desenvolvido porVisit Pontevedra, pon en valor o patrimonio histórico e cultural da cidade e tamén as súas infraestruturas deportivas, académicas, culturais e empresariais.

Ademais, destaca o papel de Pontevedra como punto clave no Camiño Portugués a Santiago e a súa influencia no deseño urbano internacional do século XXI.

Segundo destaca a edil Anabel Gulías, este mapa "vai supoñer unha lectura diferente das potencialidades turísticas da cidade".

A proposta fará especial fincapé no modelo urbano como elemento diferenciador de Pontevedra no panorama internacional.

A iniciativa busca posicionar a cidade como referente entre as urbes intermedias a nivel mundial, ao tempo que serve como ferramenta de marketing territorial para a captación de investimentos e o desenvolvemento do turismo 2.0.