Manuel Rañó, presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra: "a rehabilitación está tirando da construción"

Pontevedra
31 de xullo 2023

Destaca que en Pontevedra e a súa área a rehabilitación representa o 70% dos proxectos no segundo trimestre de 2023. Sinala que as axudas públicas dos fondos Next Generation están sendo estratéxicas neste aspecto e fai un chamamento ás Administracións públicas para "simplificar e facilitar os trámites da normativa que regula as axudas de eficiencia enerxética en vivendas"

Obras de rehabilitación na casa consistorial de Pontevedra Mónica Patxot

Os proxectos de rehabilitación no sector da construción tanto na provincia de Pontevedra como en Galicia están a ter unha importancia notable neste 2023. Manuel Rañó, presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo), asegura que a rehabilitación representa un 70% dos proxectos no segundo trimestre do ano, mentres que no primeiro equivalían ao 65% do total.

"Están a dinamizar o sector, están a xerar moita actividade", afirma o representante do Coatpo sinalando que "a rehabilitación está a tirar da construción".  

Sinala que as axudas públicas dos fondos Next Generation están a ser "estratéxicas" e, por este motivo, Manuel Rañó demanda ás Administracións públicas "simplificar e facilitar os trámites da normativa que regula as axudas de eficiencia enerxética en vivendas para así garantir a súa máxima execución en tempo e forma". Lembra que estes fondos europeos ofrecen "unha oportunidade única para a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia, que na súa maioría precisa dunha posta ao día; pero necesitamos que esas axudas sexan suficientes para atender as solicitudes e flúan con axilidade". 

Segundo os datos facilitados polo Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra na primeira metade de 2023 rexistráronse 477 expedientes cun orzamento de 84 millóns de euros. A rehabilitación equivale ao 67% dos expedientes, mentres que a obra nova e reformas ceden un 3,2% mentres que o Orzamento de Execución Material crece un 21,7% de xaneiro a xuño deste ano.

Manuel Rañó: "será un bo ano para o sector"

En todo caso, o presidente Rañó insiste en que 2023 "será un bo ano para o sector", a pesar do incremento do prezo dos materiais, da falta de man de obra cualificada ou a alza de tipos de interese. O número de expedientes de obras no que levamos de ano "sofre unha baixada, pero os orzamentos están a crecer", lembra o representante dos aparelladores da provincia e explica que o persoal colexiado traslada que contan con proxectos en carteira tanto a medio como a curto prazo.