Manuel Campos pide a suspensión das batidas de caza en Cuntis para evitar a entrada de persoas doutros concellos

Umia
24 de xaneiro 2021

Indican que persoas procedentes de concellos como Padrón ou Silleda se achegaron ata Cuntis durante esta fin de semana para participar nestas batidas. O goberno local considera que esta situación é contraditoria cos límites perimetrais e supón un risco de contaxio para os residentes no Concello, polo que pedirá a súa suspensión temporal

Cazadores Arquivo - Pixabay

Manuel Campos, alcalde de Cuntis, emitiu un comunicado alertando á veciñanza do seu municipio sobre a situación crítica debido á incidencia de casos de coronavirus que se rexistraron no municipio durante os últimos días.

Este domingo, Cuntis conta con 37 casos activos, tres máis que o sábado, segundo o Sergas. Esta cifra dispara a incidencia ata 800 casos por cada 100.000 habitantes, moi por encima dos 250 que as autoridades sanitarias consideran risco extremo.

A situación nos concellos veciños como A Estrada, Caldas e Moraña tamén é preocupante e, por este motivo, o alcalde pide que se extreme o coidado para evitar contaxios. Por este motivo, no comunicado pide aos residentes no municipio que non saian das súas casas a non ser por cuestións de primeira necesidade ou por unha urxencia. E lembra que o virus se move a través das persoas, polo que é necesario reducir a interacción persoal.

Ante esta situación, o goberno municipal ten previsto solicitar á Xunta de Galicia que se suspendan as batidas de cazas que se celebran cada fin de semana no municipio. Sinala que "non temos nada contra a actividade cinexética pero, por responsabilidade e por sentido común, non consideramos  adecuadeo que a día de hoxe veñan cazar a Cuntis persoas doutros concellos nos que tamén  peramence activo un peche perimetral". 

O alcalde sinala que non é lóxico que se poida entrar en Cuntis para practicar a caza desde outras zonas con moitos contaxios. Segundo fontes próximas ao Concello, hai persoas residentes en Silleda ou en Padrón que se desprazaron durante esta fin de semana ata Cuntis para participar nas batidas.

Manuel Campos pide que se cumpran de maneira estrita as normas decretadas polas autoridades sanitarias co uso correcto de máscaras e cumprimento de toque de queda, entre outras.

Ademais lembra que tanto a Policía Local como a Garda Civil continuarán vixiando e sancionarán a aquelas persoas que incumpran as normas creando un risco á saúde do resto de veciños.