Manuel Campos destaca o "gran impacto económico" que tivo a Festa do Lacón con Grelos

Umia
13 de marzo 2025

O alcalde de Cuntis valorou positivamente a gran actividade que tiveron os establecementos hostaleiros cuntienses, así como o efecto da festa no sector comercial

XXVI Festa do Lacón con Grelos en Cuntis
XXVI Festa do Lacón con Grelos en Cuntis Cristina Saiz

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, salienta o "gran impacto económico, lúdico e social" que tivo na vila a XXVI edición Festa Gastronómica do Lacón con Grelos.

"Quedou demostrado, unha vez máis, que a Festa do Lacón é moito máis ca un evento gastronómico, sendo un motor dinamizador para a nosa economía local moi importante, polo que imos seguir apostando por ela de xeito decidido", sinalou Campos Velay.

O rexedor valorou que a convocatoria deste 2025 resultou ser "unha das más exitosas e multitudinarias dos últimos tempos".

Segundo destacou, ao longo de practicamente un mes, desde a celebración do TapaLacón en febreiro, "contáronse por milleiros" as persoas que visitaron Cuntis para gozar das diferentes propostas que formaban parte da programación.

Indica Manuel Campos que, ademais das máis de 2.000 persoas que se deron cita na carpa o pasado domingo para gozar coa degustación de racións de lacón con grelos, hai que engadir o milleiro de asistentes ao concerto de OBK durante a noite do sábado, "cunha carpa totalmente abarrotada".

XXVI Festa do Lacón con Grelos en Cuntis
XXVI Festa do Lacón con Grelos en Cuntis      Cristina Saiz

"Este bo ambiente tamén tivo continuidade nos establecementos hostaleiros da vila, que rexistraron unha gran actividade ao longo de toda a fin de semana", engadiu o alcalde no seu balance.

Tamén subliñou a "boa acollida" do certame de tapas TapaLacón, cos nove establecementos participantes despachando "miles de racións", así como os cursos de cociña que se desenvolveron nas parroquias ao longo das últimas semanas, "sen esquecer o Entroido", coa participación de grupos locais e do Entroido Tradicional de Cobres.

Desfile de Entroido de Cuntis 2025     Concello de Cuntis

Por outra banda, o alcalde adiantou que o Concello de Cuntis ten previsto realizar a tramitación correspondente para conseguir que a Festa Gastronómica do Lacón con Grelos sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional, o que "sen lugar a dúbidas lle daría un pulo moi importante a nivel de asistencia e notoriedade".

Na actualidade o evento xa conta coa catalogación de Festa de Interese Turístico de Galicia, o que facilita que reciba a persoas das catro provincias da comunidade autónoma.

O Concello tamén salienta a "máxima afluencia" á lectura do pregón, que este ano correu a cargo da artista Fátima Pego.

XXVI Festa do Lacón con Grelos en Cuntis     Cristina Saiz

A maiores, "funcionou moi ben" a nova Ruta da Camelia, con 17 escaparates como participantes: con Mi Vestidor Azul, Zapatería Reboredo, Zapatería Mapi, Zapatería Caamaño, Espacio Fusión, O Rincon das Burgas, Carmiña Boutique, Electrodomésticos Louzao, Floristeria Xunco, Roupa Gosende, Agricola Hórreo, Andrea Fernández Peluquería, Farmacia Rubira, Nath Moda, SERTEC Inmobiliaria, Espazo CuntisXove e Fundación Terra Termarum.

Esta proposta, ademais, contou cunha mostra específica organizada por José Castro, María Jesús Melón e Antía Formoso e que se realizou a modo de homenaxe póstuma a Manuela Couso, considerada a Dama da Camelia.

Os expositores, o ‘photocall’ e a combinación de gastronomía, arte floral e ambiente festivo foron factores que atraeron a moitas persoas, como tamén sucedeu coa mostra de cerámica de Castrolandín ou coa Feira do Mel.

"Seguiremos a traballar para continuar mellorando o noso evento estrela, sen que perda a súa esencia e a súa tradición", concluíu Manuel Campos.