Manuel Campos consegue a maioría absoluta para o PSOE en Cuntis

Umia
27 de maio 2019

En Caldas, Juan Manuel Rey poderá seguir gobernando ao gañar as eleccións. En Portas, Moraña e Campo Lameiro, o Partido Popular volveu gañar con maioría absoluta dándolle a alcaldía ás candidaturas lideradas por Ricardo Martínez, Luisa Piñeiro e Carlos Costa

Resultados electorais en Cuntis David López

A xestión durante o últimos catro anos do socialista Manuel Campos na alcaldía de Cuntis viuse apoiada pola cidadanía que lle deu a maioría absoluta ao PSOE neste municipio. 

Campos logrou sete concelleiros grazas a 1.605 papeletas fronte aos dous do Partido Popular e aos dous da agrupación  Veciñanza Cuntis, que obtiveron 677 e 477 votos respectivamente.

CALDAS

Tamén en Caldas de Reis continuará Juan Manuel Rey á fronte da alcaldía, tras 12 anos neste cargo. Os socialistas lograban seis concelleiros, fronte aos cinco do Partido Popular e os dous do Bloque Nacionalista Galego. A diferenza de votos entre socialistas e populares foi de tan só 171 votos. 

MAIORÍAS ABSOLUTAS DO PP EN MORAÑA, PORTAS E CAMPO LAMEIRO

En Moraña, o PP liderado pola actual alcaldesa Luisa Piñeiro continuará con maioría absoluta pasando de seis a sete concelleiros conseguindo 1.575 votos. O BNG sobe nun concelleiro, logrando tres mentres que o PSOE perde dous, quedando unicamente cun representante na corporación.

O Partido Popular lograba 6 concelleiros en Portas coa candidatura de Ricardo Martínez, que gobernará con maioría absoluta. O BNG suma dous concelleiros e é a segunda forza máis votada, seguido por  VUP. Ademais, o Partido Socialista entra cun concelleiro nesta corporación.

Por último, en Campo Lameiro o Partido Popular perdía un concelleiro pero mantén a maioría absoluta con 5 concelleiros. fronte aos dous de PorVir, unha agrupación que entra agora na corporación e dous do PSOE.

O candidato popular Carlos Costa, que substitúe a Julio Sayáns que estivo 34 anos como alcalde, poderá gobernar en solitario durante o próximos catro anos.

Arquivado en