Manuel Bazarra, gañador da primeira edición do maratón fotográfico ‘Imaxes de Primavera’

Pontevedra
04 de maio 2015

Xa coñecemos o nome do gañador da primeira edición do maratón fotográfico ‘Imaxes de Primavera’, celebrado o pasado 21 de marzo no ámbito do río Lérez, o Pazo da Cultura e a Illa das Esculturas. Nel participaron 35 fotógrafos e, entre eles, o xurado escolleu a fotografía que fixo Manuel Bazarra da contorna do río como a mellor do certame pola súa orixinalidade, calidade e composición

Fotografía gañadora da primeira edición do maratón fotográfico 'Imaxes de Primavera' Manuel Bazarra

Xa coñecemos o nome do gañador da primeira edición do maratón fotográfico ‘Imaxes de Primavera’, celebrado o pasado 21 de marzo no ámbito do río Lérez, o Pazo da Cultura e a Illa das Esculturas. Nel participaron 35 fotógrafos e, entre eles, o xurado escolleu a fotografía que fixo Manuel Bazarra da contorna do río como a mellor do certame pola súa orixinalidade, calidade e composición.

No palmarés deste maratón están tamén Sara Cernadas na categoría Pazo da Cultura, Rocío Castro coa súa imaxe da Illa das Esculturas e Helena Constela na categoría O río Lérez e a súa contorna.

O xurado, presidido polo fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal e formado polos fotógrafos Jorge Lens e Amaia Arruti, a arquitecta María Pierres e a xornalista Lorena Seijo, destacou a calidade dos traballos presentados e animou a continuar con esta iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor destes espazos da cidade nos que se ten traballado nos últimos anos para a súa mellora.

Pola súa banda, Sergio Sueiro foi elixido gañador do premio de público coa súa fotografía da temática “Río Lérez”. A selección realizouse mediante unha votación popular no perfil de Facebook do Pazo da Cultura, acadando un total de 210 votos.

Respondendo ao obxectivo de dinamización e de coñecemento da cidade do que parte o evento, os premios concedidos van na mesma liña, consistindo en diversas experiencias en varios establecementos situados en Pontevedra.

Manuel Bazarra, como gañador absoluto, gozará dunha estancia no Hotel Rural Campaniola para dúas persoas e réxime de todo incluído. Pola súa banda, os gañadores do resto de categorías recibirán como premio unha cea para dúas persoas no restaurante Loaira, así como un bono no spa urbano Spabílate. O gañador do premio do público poderá gozar dun circuíto relax completo nas mesmas instalacións.

Todas as fotografías que participaron nesta primeira edición formarán parte dunha mostra final, que se desenvolverá proximamente na zona da rúa Rosalía de Castro e na que se procederá á entrega dos premios.