Un manual pioneiro de Érguete axudará a acompañar as persoas con adiccións durante os procesos xudiciais

Pontevedra
08 de novembro 2024

A modo de guía, recolle todos os recursos dispoñibles tanto en Galicia como noutras partes de España. Losada defende a "necesidade das segundas oportunidades e de todas as que fagan falta"

Presentación do manual de Érguete para o acompañamento a persoas con adiccións no proceso xudicial Mónica Patxot

Un manual de 45 páxinas elaborado pola Asociación Érguete converterase a partir de agora en libro de cabeceira para os profesionais tanto avogados como traballadores sociais que traballan con persoas con problemas de adiccións. 

A modo de guía, recolle todos os recursos dispoñibles tanto en Galicia como noutras partes de España para o acompañamento destas persoas. 

Este manual presentouse este venres na Subdelegación do Goberno en Pontevedra coa participación do subdelegado, Abel Losada; e dúas persoas do equipo psicosocial de Érguete, a avogada e vicepresidenta, Sonia Fernández, e o pedagogo, David Martínez.

Trátase, segundo explicou David Martínez, dun manual "pioneiro", pois trátase do primeiro que "explora todo o sistema xudicial no ámbito das persoas con adiccións en Galicia"

Sonia Fernández eloxiou o manual, "fantástico" e "moi ben estruturado", e recoñeceu que "pasaron moitos anos para poder facer esta guía" desde que detectaron que había moitos recursos que non se usaban porque se descoñecían.

Recolle a experiencia de traballo de Érguete durante 35 anos e explica de maneira sinxela o poder xudicial e as diferentes fases do proceso penal, un procedemento que adoita ser "moi complexo". Tamén inclúe consellos para simplificar o proceso.

Losada, pola súa parte, destacou que este manual, realizado co apoio do Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional sobre drogas e da Asociación Lakoma de Madrid, cumprirá un papel "fundamental", pois axudará ás persoas con adiccións "non só a afrontar o seu proceso legal, senón tamén a recibir o apoio emocional, educativo e rehabilitador que tanto necesitan".

Como subdelegado,  amosouse satisfeito de que "se traballe de maneira conxunta" entre as entidades sociais e as administracións públicas. 

Aproveitou a presentación para destacar que é "importante como sociedade buscar alternativas para a reinserción" de persoas con adiccións e tamén a "necesidade das segundas oportunidades, e das terceiras, e de todas as que fagan falta porque fan as sociedades máis sanas". 

Para Losada, as penas privativas de liberdade son "necesarias nalgúns casos", pero "non sempre son a solución", por iso é polo que insiste nesa necesidade de buscar alternativas "que favorezan a reincorporación á sociedade como cidadáns plenos destas persoas".