Manteranse as prazas de aparcamento na Rúa da Ponte e vai ampliarse a Zona 2H

Marín
12 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A intención do Concello de Marín é negociar coa Xunta de Galicia a modificación do proxecto, que ten como obxectivo mellorar a estética da rúa e a seguridade peonil. A veciñanza quere manter o mesmo ancho das beirarrúas actuais e evitar a eliminación de estacionamento

Xuntanza veciñal e de comerciantes con María Ramallo para tratar a reforma da Rúa da Ponte Concello de Marín

Veciñanza e comerciantes da Rúa da Ponte mantiveron un encontro con representantes do goberno local de Marín no Museo Manuel Torres para tratar a modificación prevista para esta rúa.

O goberno municipal comprometeuse a negociar coa Xunta de Galicia a modificación do proxecto, a petición veciñal, para que se manteña o actual ancho das beirarrúas e tamén se conserven as prazas de aparcamento, que continuarán reguladas pola Zona 2H.

María Ramallo, alcaldesa de Marín, acudía ao encontro e explicaba que aínda se pode modificar o proxecto e adoptar a opinión maioritaria das persoas afectadas.

A rexedora lembrou que tanto as beirarrúas como a calzada permanecen en moi mal estado e é necesario levar a cabo a reforma. Indicou que "trataremos de cumprir coa accesibilidade e a mellora da seguridade viaria e peonil, pero co trazado da rúa tal cal é".

Está previsto que se amplíe a Zona 2H á Rúa Exército e Mariña, como solicitara a Asociación de Comerciantes Estrella de Marín nunha reunión previa. Tamén se estudará a opción de aplicala a Dr. Touriño Gamallo.

O comercio local apoiou, ademais, a proposta do Concello de crear un aparcamento subterráneo no Parque Eguren, que permitiría a creación de duascentas prazas de pago.

En todo caso, os representantes do Concello comprometéronse a seguir buscando parcelas nas proximidades para Ponte Zapal para ofrecer espazos de aparcamento gratuíto. Ramallo afirmou que tamén está previsto mellorar o estado do firme do aparcamento de Ponte Zapal, actualmente deteriorado, en canto o tempo meteorolóxico poida permitilo.

CRÍTICAS SOCIALISTAS

Manuel Pazos, portavoz municipal do PSOE, critica a actitude de María Ramallo ao verse sorprendida polo "enorme malestar" da veciñanza e comerciantes da Rúa da Ponte durante a xuntanza. 

"Pola mañá defendía que o importante para esa rúa era eliminar os vehículos, pola tarde era todo o contrario", manifestan desde o grupo municipal socialista. 

Pazos indica que agarda que o goberno local aprobe a petición do PSOE e dos vendedores da praza, que reclaman paralizar tamén a obra de Augusto Miranda e Serafín Tubío na contorna do Mercado de Abastos.

Afirman que se conseguen deter este proxecto salvarán cincuenta prazas de estacionamento nos últimos días.