Manter as taxas impositivas conxeladas, intención do alcalde de Pontevedra para 2024

Pontevedra
06 de outubro 2023

Miguel Anxo Fernández Lores sinala que se trata dun "esforzo económico grandísimo por parte do Concello que xa leva once anos coas taxas conxeladas". Critica á oposición por pedir a baixada de taxas en Pontevedra cando os seus partidos están a subilas noutros municipios onde gobernan

Diñeiro World's Direction - Flickr

Marín e Ponte Caldelas anunciaron estas semanas a subida do IBI en 2024 rompendo a conxelación de taxas que mantiñan. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciaba este venres que "a intención por parte dá alcaldía, en principio, é manter a conxelación" na capital.

Explicou que se trata dun "esforzo económico grandísimo por parte do Concello que xa leva once anos coas taxas conxeladas". Lembrou que aumenta o gasto en todos os ámbitos, pero malia esa situación non está previsto incrementar as taxas locais.

Neste sentido explicaba que lle gustaría que as forzas políticias fosen "un pouquiño máis serias porque aquí a oposición non pensa que os gastos soben e os ingresos non". E lamentou que o Partido Popular pida a baixada da presión impositiva en Pontevedra cando en Marín, onde gobernan os populares, aumenta.

"Paréceme unha gamberrada que, cando os seus partidos están subindo taxas onde están gobernando, fagan unha proposta de baixar taxas onde levan once anos conxeladas", insistiu criticando a "pouca seriedade dalgúns persoeiros dalgunhas forzas políticas".

ORDENANZA DO TAXI

Por outra banda, este venres a Xunta de Goberno aprobaba a ordenanza do taxi, que deberá tratarse posteriormente no pleno da corporación.

Lores indicou que é un elemento "fundamental" para dar licitación ao coche de punto. Explicou que aínda non hai un prazo establecido para a posta en marcha desta medida e o que se busca coa ordenanza é que sexan os taxis os encargados de realizar este servizo. "É a saída dos servizos xurídicos e municipais para adxudicalo aos taxis que é a forma máis operativa de facelo", engadiu para xustificar a modificación da ordenanza. "É un servizo necesario", argumentou.

TRATAMENTO DE RESIDUOS

Tamén se sacaba a contratación oito Centros de Compostaxe Comunitaria. En total suman oitenta novos módulos de compostaxe para as zonas de Pasarón; avenida Virxinia Pereira; Valdecorvos; Camiño vello de Castela; Taboada Nieto; Grecia, en Monte Porreiro; Josefina Arruti e o parque de Amalia Álvarez.

O orzamento ascende a 67.770 euros e, unha vez adxudicada a contratación, a empresa dispoñerá de 60 días para a súa suministración.

O alcalde indicou tamén que se traballa "a todo ritmo" para sacar a contratación o novo contrato de residuos sólidos domésticos e limpeza viaria ao entender que o servizo é "manifestamente mellorable". 

Avanzou que se actualizarán os prezos da primeira vez que saíu a concurso, que quedou deserta cando se ofrecía un contrato de máis de 230 millóns de euros. Lores entende que o concurso quedou deserto debido a que a dotación económica viña condicionada polo volume de compostaxe e reciclaxe que se realizase. "Nós sempre temos o problema de que facemos cousas que aínda non fixo ninguén e non hai exemplos anteriores e temos que resolver cousas que non se resolvían noutros contratos", argumentou Lores.

O rexedor tamén informaba da adxudicación á empresa Serveo Servizos do contrato de mantemento e pequenas reparacións no Pazo da Cultura e o Recinto Feiral. O prezo de adxudicación é de 843.934 euros cunha duración de catro anos. Segundo explicou o alcalde, supón un incremento nos gastos de mantemento destes edificios próximo ao 50%.