Manifestación este domingo en Ponte Caldelas ante a "insostibilidade do centro de saúde"

Ponte Caldelas
29 de xullo 2022

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, lamenta a escaseza de sanitarios no centro, que pasou de ter tres médicos de familia e un pediatra, que atendía todos os días, a ter a día de hoxe un só médico de familia atendendo a un municipio de 5.577 persoas e que non para de medrar en poboación.

Centro de saúde de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Chamamento en Ponte Caldelas para que todos os veciños do municipio e dos concellos da contorna acudan á manifestación "en defensa da sanidade pública do municipio" convocada para este domingo 31 de xullo ás 12:00 horas.

Convocada polo goberno local e encabezada polo alcalde Andrés Díaz ante a "insostibilidade do centro de saúde do municipio", a protesta partirá desde a casa consistorial e percorrerá varias rúas, rematando na Alameda de Ponte Caldelas.

Díaz lamenta a escaseza de sanitarios no centro, que pasou de ter tres médicos de familia e un pediatra, que atendía todos os días, a ter a día de hoxe un só médico de familia atendendo a un municipio de 5.577 persoas e que non para de medrar en poboación.

"Estamos fartos de desplantes, de excusas e de promesas incumpridas", indica o alcalde de Ponte Caldelas, que asegura que os veciños están cansos de poñer follas de reclamacións e queixas que non chegan a ningún porto.

Desde o goberno municipal consideran a situación unha "auténtica vergoña" e reclaman que a veciñanza se sume a manifestación para "evidenciar o descontento cun tema tan sensible como é a saúde e a atención sanitaria". 

Trátase dun "dereito básico e imprescindible co que non se pode xogar e que xa non soporta máis recortes", destacaron, e recalcan que esta "delicada situación tamén se fai notar no PAC da Parda, que atende ós veciños de Ponte Caldelas, e no Hospital Montecelo, onde a situación nas últimas semanas está a ser insostible tamén".