Manifestación e petición de sinaturas nas rúas para demandar unha Atención Primaria de calidade

Pontevedra
01 de decembro 2022

O sindicato Co.Bas, co apoio de Marea Blanca, realizou unha manifestación na tarde deste mércores con saída do Hospital Provincial en contra da privatización da sanidade. Tamén a Plataforma SOS Sanidade Pública solicitaba sinaturas nesta xornada en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para impulsar, en sede parlamentaria, a defensa da Atención Primaria 

Manifestación en defensa da sanidade pública Mónica Patxot

O sindicato Co.Bas, co apoio do colectivo Marea Blanca, realizaba a última hora da tarde deste mércores unha manifestación en Pontevedra en defensa da sanidade pública e en contra da súa privatización. Partía da praza do Hospital Provincial coa participación de numerosas persoas entre as que figuraban profesionais da área sanitaria.

Os convocantes alertan da necesidade de defender a sanidade pública ante a xestión por parte da Xunta de Galicia. Demandan máis profesionais facultativos en Atención Primaria, pediatras e solucións para evitar os colapsos que se producen nos Puntos de Atención Continuada e en Urxencias do Hospital Montecelo. A marcha concluía no cruzamento entre a rúa Rosalía de Castro e Raíña Vitoria, nas proximidades da sede provincial do Partido Popular.

Alí pediron boa xestión dos servizos públicos, con profesionais médicos e dotacións de ambulnacias medicalizadas de xestión directa, ademais de implementación de especialidades como a psiquiatría e a psicoloxía.

Desde o sindicato Comisións de Base Co.Bas. tamén alertaban de que o modelo do novo hospital de Montecelo non será de xestión pública senón de xestión mixta público-privada como o Álvaro Cunqueiro en Vigo, un modelo que consideran fracasado e corrupto.

Ademais, durante esta xornada, a Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra estableceu unha mesa de recollida de sinaturas, situada entre Benito Corbal e Sagasta, en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa da Atención Primaria. Pretenden que se tramite no Parlamento de Galicia para resolver esas situacións de falta de médicos nos centros de saúde e nos PAC da área sanitaria.

MARÍN

A xornada reivindicativa tamén se desenvolvía no Centro de Saúde de Marín, onde se recollían apoios para promover esta ILP. Alí a Plataforma en defensa dá Sanidade reclamaba tamén reforzo do persoal e evitar a precariedade laboral que provoca a marcha dos sanitarios a outros puntos con mellores condicións.

Sinalan que se incrementan os días de espera para citas na Atención Primaria e lembran que a presión cidadá é a única fórmula para que o goberno autonómico reaccione. 

Animan tamén a aquelas persoas interesadas en ser voluntarias por esta causa para poñerse en contacto coa Plataforma para continuar coa recollida de firmas para defender unha atención sanitaria digna.

CERDEDO-COTOBADE

Tamén no Centro de Saúde de Cerdedo rexistrábase unha concentración de persoas convocadas pola plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública. 

Demandan a presenza dun profesional médico todos os días laborables en horario matinal, a recuperación do servizo de Pediatría e unha ambulancia medicalizada que atenda a toda a comarca. 

SANXENXO E O SALNÉS

Tamén SOS Sanidade Pública Sanxenxo recollía sinaturas de apoio á ILP en Vilalonga, Baltar e no parque Espiñeiro durante esta xornada, despois de coñecer nos últimos días que o Centro de Saúde de Baltar permanecerá sen pediatra

Tamén se instalaba unha mesa para sumar apoios no Grove tanto no centro de saúde como na Rúa Castelao. Este municipio tamén se ve afectado pola supresión de pediatras.