Malia o descenso de visitantes, Sanxenxo aumenta o consumo de auga respecto a xullo de 2019

Sanxenxo
06 de agosto 2020

Segundo o goberno local, os datos de consumos durante este mes amosan un nivel superior ao agardado e indica que a actividade turística está sostida na ampla rede hoteleira, nas 11.000 segundas residencias, ademais dos apartamentos turísticos e da actividade comercial e hostaleira á que se achegan persoas de Concellos próximos

Piscina Daniel Lobo

O goberno local de Sanxenxo ofreceu os datos da recadación do aparcadoiro, do consumo de auga e da recollida de lixo durante o mes de xullo. Estes datos mostran que, debido á pandemia, rexistrouse a esperada baixada de visitantes respecto a anos anteriores.

Con todo, desde o  Concello indican que se mantivo un nivel de ocupación superior ao que inicialmente se podía esperar. Desta forma, o aparcadoiro do porto deportivo alcanzou unha recadación de 74.639 euros, un 23% menos que no mes de xullo de 2019. A maior parte da recadación obtívose na segunda quincena de xullo, 43.357 euros, fronte aos 31.282 obtidos durante o primeiros quince días do mes.

A recollida de lixo suma un total de 1.569.380 quilos, un 13% menos que durante o mesmo mes en 2019. Segundo o goberno de Telmo Martín, trátase dunha rebaixa inferior á que inicialmente se esperaba #ante a crise sanitaria.

O que si subiu foi o consumo de auga. Este ano alcanzouse a cifra de 328.969  m3, un leve aumento do 0,40%, respecto ao ano pasado en que se consumiron 327.682  m3. Para o goberno local este dato é relevante e xustifícano en que as persoas que visitaron Sanxenxo permaneceron nos seus hoteis e vivendas máis tempo realizando máis gasto de auga. Tamén relacionan esta cifra co enchido das piscinas lixeiras ou aquelas instalacións que conservaban a auga dun ano para outro e que, nesta ocasión, por razóns sanitarias decidiron encher de novo as piscinas.

O goberno de Sanxenxo entende que a actividade turística mantense con niveis superiores aos esperados grazas á maior rede hostaleira do norte de España, unha rede que afirman supera a grandes cidades como Bilbao, San Sebastián, A Coruña ou Vigo. Ademais relacionan esta presenza de visitantes coas 11.000 segundas residencias, o funcionamento dos apartamentos turísticos e a presenza de poboación de  concellos próximos que acoden á vila turística para realizar actividades comerciais e acudir a establecementos hostaleiros.