Malestar veciñal na Caeira por problemas recorrentes no abastecemento de auga

Poio
12 de novembro 2021

Residentes en varias rúas deste barrio de Poio protestan polos habituais cortes ou perdas de presión na subministración que levan padecendo nas últimas semanas

Zona da Caeira afectada por problemas de suministro de auga Mónica Patxot

Unha avaría ocorrida este mércores no sistema de canalizacións que leva auga potable a varias vivendas do barrio da Caeira, en Poio, supuxo a pinga que colmou o vaso da paciencia de moitos residentes da zona que levan semanas padecendo cortes na subministración ou perdas de presión que os deixan sen servizo durante horas.

Os principais problemas rexístranse na zona comprendida entre Liñares e Boavista e as rúas da contorna. Foi neste punto cando o pasado domingo pola tarde comprobaron como non saía auga das súas billas, unha situación que se prolongou ata a primeira hora do día seguinte, denuncian os afectados.

O malestar débese a que non se trata dun feito illado. Nas últimas semanas, case todos os bloques de pisos ou vivendas unifamiliares da zona detectaron este tipo de incidencias. Cando non é a perda completa do servizo, son pérdidas de presión. Por iso, esixen unha solución inmediata.

Ademais, non só sofren problemas coa auga. Quéixanse tamén de que moitas veces sofren tamén cortes de luz. Aínda que, agradecen, o problema de falta de seguridade rexistrado hai uns meses polo trapicheo de substancias ilegais parece quedar resolvido.

Tanto no Concello como na empresa concesionaria do servizo de abastecemento son conscientes deste problema, por iso "a empresa está moi pendente das incidencias que se producen na zona para darlles solución en canto teñen constancia", asegura a concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada.

Para dar cun remedio duradeiro e eficaz, o Concello de Poio está a traballar na licitación do novo contrato do servizo de abastecemento, "que verá a luz en 2022 e que contempla melloras en infraestruturas, entre elas na Caeira", conclúen desde o goberno local.