Malestar veciñal en Ponte Sampaio por verteduras incontroladas continuas á beira do cemiterio: "É unha vergoña"

Pontevedra
19 de setembro 2023

Cada poucos días, no lateral do camposanto, á beira da illa de contedores, empeza a aparecer lixo de distinto tipo fóra dos propios recipientes de depósito de lixo e acumulado polas inmediacións. Estes veciños piden maior civismo ás persoas que, periodicamente, utilizan esta zona da parroquia como entulleira

Vertedura incontrolada en Ponte Sampaio en agosto Mónica Patxot

Veciños da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio denuncian que durante esta última fin de semana volveu a producirse unha imaxe á que "desgraciadamente" están xa afeitos, unha vertedura incontrolada de todo tipo de entullos e lixo á beira do cemiterio municipal. 

"Isto é unha vergoña", sinalan os veciños, que levan meses sufrindo esta realidade. Cada poucos días, no lateral do camposanto, á beira da illa de contedores, empeza a aparecer lixo de distinto tipo fóra dos propios recipientes de depósito de lixo e acumulado polas inmediacións. 

Estes veciños piden maior civismo ás persoas que, periodicamente, utilizan esta zona da parroquia como entulleira, depositando alí residuos de distinta natureza. 

É habitual que depositen no lateral do cemiterio entullos e restos de obra, que moitas veces pasan alí moitos días ata que o Concello de Pontevedra procede á súa retirada. 

Ademais, nos últimos meses, tamén viron como en varios momentos estes cidadáns incívicos depositaban na zona mobles, colchóns, electrodomésticos e obxectos de gran tamaño que teñen que levar aos puntos limpos, pero acaban neste punto tan transitado da parroquia. 

Esta última fin de semana apareceu unha vertedura de rodas usadas que, igualmente, non pode depositarse en puntos de recollida de lixo convencionais e de forma irregular e "incívica" aparecen alí. 

A situación xera moito malestar entre a poboación, que nos últimos meses tivo que chamar ao Concello de Pontevedra para que retirase estas verteduras depositadas nun lugar non adecuado. Deuse a circunstancia de que, nalgunha ocasión, ao día seguinte da retirada, volveron aparecer entullos ou lixo. 

Nesa zona hai unha illa de contedores que inclúen a recollida e reciclaxe de todo tipo de residuos, pero non é un lugar habilitado como punto limpo e non se pode depositar todo este tipo de residuos.