Malestar en Cuntis pola "falta de respecto sen precedentes" da Deputación coa obra da EP-8404

Umia
10 de decembro 2024
Actualizado: 20:05

A Deputación presentou os detalles da mellora da estrada entre Piñeiro e Arcos "sen ter en conta aos representantes municipais nin ao alcalde, Manuel Campos, nin á corporación local"

Luis López presenta a obra da EP-8404, en Cuntis Deputación de Pontevedra

Unha "falta de respecto sen precedentes". Así define o equipo de goberno de Cuntis a actuación da Deputación de Pontevedra, que presentou publicamente os detalles da obra de mellora da estrada EP-8404, entre as igrexas de San Mamede de Piñeiro e de Arcos de Furcos.

Fíxoo, denuncian desde o Concello, sen ter en conta aos representantes municipais nin ao alcalde, Manuel Campos, nin á corporación local, algo que consideran que "supón unha flagrante falta de respecto institucional que nunca antes se tivera producido neste concello".

"Con esta forma de proceder quedou patente a falta de ética e a clara utilización partidista que fai o PP coas administracións nas que goberna", censura o equipo que lidera Manuel Campos, que subliña que esta maneira de actuar "parécenos impropia e inaceptable".

Campos sostén que cando a administración provincial presenta un proxecto que afecta ao municipio sen contar cos seus representantes "non só lle falta ao respecto á propia institución local, senón tamén a todos os veciños e veciñas".

Ademais, o alcalde asegura que lle preocupa que a obra presentada "fai caso omiso" das demandas da veciñanza nin recolle as peticións e inquedanzas trasladadas polo Concello.

A pesar deste malestar, que foi trasladado nunha carta remitida ao presidente da Deputación, o goberno municipal de Cuntis asegura que seguirá mantendo a súa filosofía de "colaboración, implicación e respecto" co organismo provincial.

Para iso defenden que actuarán "poñendo sempre por diante os intereses da propia veciñanza e da cidadanía e deixando a un lado as siglas políticas".

RESPOSTA DA DEPUTACIÓN

A deputada de Infraestruturas e Mobilidade, Isabel Couselo, saiu ao paso das manifestacións do goberno local de Cuntis para lamentar que "se opoña á presentación ante os veciños dun investimento de 523.000 euros na seguridade viaria de municipio".

Segundo destaca Isabel Couselo, esta actuación prevista está financiada íntegramente por fondos provinciais "sen cofinanciamento de ningunha outra administración" e engade que "responde a unha demanda dos veciños atendida, por fin, polo goberno de Luis López".

"O protagonismo aquí é dos veciños e de ninguén máis", dixo a deputada, que asegura que "eles son a nosa única preocupación, por riba de calquera outra consideración".

MEDIO MILLÓN DE EUROS PARA A EP-8404

Toda esta polémica ten a súa orixe na presentación desta actuación que, a pé de estrada, fixeron este luns o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a deputada responsable de infraestruturas, Isabel Couselo, que é a portavoz do PP neste municipio.

A obra, que foi presentada á veciñanza de Piñeiro e de Arcos, está valorada en 522.800 euros, que pagará integramente a institución provincial, e ten un prazo de execución de catro meses.

A mellora desta estrada, que abarcará 3,5 quilómetros, consistirá na implantación dunha nova capa de rodaxe e no arranxo dos problemas de filtracións de auga que padece actualmente, así como na renovación da sinalización horizontal e vertical e a construción de novas beiravías.

Do mesmo xeito, nas zonas reservadas para os peóns procederase á colocación de lousas hidráulicas para rematar os tramos de beirarrúas.

Trátase dunha actuación integral que mellorará a seguridade e a funcionalidade desta vía favorecendo unha mobilidade segura e axeitada para as persoas, segundo resumiu López.