'Mala xente!', unha regueifa feminista para buscar a fin da violencia machista

O Salnés
22 de outubro 2019

Os catro asasinatos de mulleres en España dos últimos días "polo simple feito de ser mulleres" son "unha cuestión moi seria" e "non hai nada máis urxente e prioritario que cambiar isto". Así os sostivo este martes a presidenta da Deputación, que pide a toda a sociedade unha loita conxunta "cun compromiso de verdade: con feitos e non con palabras"

Acto de 'Mulleres en Acción. Violencia Zero' en Meis

Os catro asasinatos de mulleres en España dos últimos días "polo simple feito de ser mulleres" son "unha cuestión moi seria" e "non hai nada máis urxente e prioritario que cambiar isto". Así os sostivo este martes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que pide a toda a sociedade unha loita conxunta "cun compromiso de verdade: con feitos e non con palabras". 

Carmela Silva fixo esta petición no Auditorio Multiusos de Meis diante do alumnado de ESO do CPI Mosteiro con motivo do acto de 'Mulleres en Acción. Violencia Zero'. Acompañárona a deputada de Igualdade da Deputación, Isaura Abelairas, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez. 

O acto tivo como eixo central a acción escénica 'Regueifa 2.0', a cargo da pandereiteira Guadalupe Blanco e a cantora, produtora e compositora Alba María Rodríguez. As dúas regueifeiras lanzaron unha mensaxe sobre o rol da muller, interpretaron 'Mala xente!',  unha orixinal versión do famoso 'Malamente' de Rosalía a base de palmas, e interactuaron cun público totalmente entregado.

Durante o seu discurso, Carmela Silva lembrou que en Galicia, en España, no mundo, hai centos de miles de mulleres que están a sufrir violencias machistas, violencias brutais, "e isto non se pode permitir". Para poñerlle freo a esta situación, destaca a importancia de iniciativas coma 'Mulleres en acción. Violencia Zero', que naceu para concienciar sobre a lacra da violencia machista a toda a rapazada, e para darlle visibilidade ás mulleres.

Carmela Silva avanzou que haberá unha quinta edición deste programa porque "a loita ten que ser todos os días do ano" e fixo fincapé na importancia de que os centros educativos participen nestas actividades porque "somos moi conscientes de que o cambio ten que vir pola educación, por educar en igualdade para que todas e todos poidamos ser o que queiramos, sen estereotipos e con decisións libres". 

A presidenta da Deputación apelou á reflexión do alumnado e lembrou que dende 2003, ano no que se empezaron a facer estatísticas sobre esta cuestión, foron asasinadas 1.022 mulleres.

'Mulleres en Acción. Violencia Zero' reúne este ano 2019 o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Chega a 25 concellos da provincia, entre eles, Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, O Grove, Poio, Illa de Arousa, Cuntis e Meis.