Máis dun millón de euros en obras executaranse en Soutomaior ata final de ano

Soutomaior
13 de agosto 2024

Fontes municipais explican que Soutomaior conta cunhas arcas municipais saneadas que lle permitirán levar a cabo todas estas obras e actuacións nos vindeiros meses

Visita do alcalde de Soutomaior, Manu Lorenzo, á zona do ecoparque empresarial Concello de Soutomaior

Soutomaior investirá entre os meses de agosto e decembro deste ano máis dun millón de euros para a realización de diferentes actuacións e obras.

Fontes municipais explican que grazas á consecución de case un millón e medio de euros en subvencións de diferentes institucións no que vai de ano por parte do Goberno local e ao aforro de 200.000 euros en gastos correntes nos primeiros seis meses de 2024, o Goberno de Soutomaior conta cunhas arcas municipais saneadas que lle permitirán levar a cabo todas estas obras.

Algunhas das principais actuacións que se levarán a cabo son a humanización da praza da Aldea, a creación dun núcleo de centralidade na Pedreira, o arranxo da estrada de Cortellas, a primeira fase do proxecto de mellora dos parques infantís municipais, a mellora do acceso do campo do Soutomaior, e a instalación de sistemas de aerotermia nos campos de fútbol municipais.

Ademais, tamén se levarán a cabo traballos de pavimentación en diversos puntos do concello e distintas obras de saneamento para reducir as perdas de auga.

De cara ao ano próximo, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, avanzou que "ademais de varias obras e actuacións que xa temos previstas para 2025, estamos traballando tamén na contratación e redacción de proxectos de cara a desenvolver máis obras e actuacións o ano que vén. Temos unha liña de ruta para a transformación urbanística de Soutomaior".