Máis de mil persoas participan na Pontevedrada 2023

Pontevedra
30 de abril 2023

O alcalde de Pontevedra deu os tres bucinazos de saída ás 20.00 horas do sábado na avenida de Montero Ríos á undécima edición da andaina solidaria organizada por ASAMPO co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a importancia das doazóns de sangue e órganos

Pontevedrada 2023 PontevedraViva

Durante toda a noite, máis dun milleiro de persoas participaron na undécima edición da Pontevedrada, que organiza a asociación ASAMPO, co obxectivo de dar visibilidade á importancia da doazón de órganos, tecidos e de sangue.

Ás 20.00 horas, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores daba os tres bucinazos desde as escaleiras da Deputación de Pontevedra para que os participantes situados na avenida de Montero Ríos iniciasen o percorrido no que participaron varios integrantes socialistas, entre eles, o portavoz Iván Puentes.

A bo ritmo arrincaron pola praza de España e baixando por Arcebispo Malvar, rúa Galera e avanzar pola ponte das Correntes penetrándose polas marismas de Alba seguindo o Camiño de Santiago Portugués co obxectivo de chegar á praza do Obradoiro en Santiago de Compostela a primeiras horas da madrugada deste domingo.

Durante os actos previos realizouse unha homenaxe a Gregorio Losada, un dos membros da organización, dentro dun ambiente festivo no que o voluntariado se sacou a foto de rigor #ante o pazo provincial.

A maioría de participantes portaban chalecos reflectores, lanternas, teléfonos móbiles e entusiasmo por participar nesta nova edición dunha actividade na que se percorren ao redor de 67 quilómetros por unha boa causa.

Tamén se establecen retos como atopar a Milusi, a frecha máis pequena do Camiño Portugués, que en cada Pontevedrada atópase nun lugar diferente. Aquelas persoas que o atopan e fanse un selfie reciben na mesa de rexistro situada en Santiago un chupa-chups.