Cerdedo-Cotobade celebrou este domingo a súa festa de despedida do Entroido 2020 en Carballedo co tradicional Domingo de Piñata, que incluíu un espectacular e vistoso desfile entre a Praza do Concello e o pavillón municipal, o concurso de disfraces e outras actividades paralelas, que rexistraron unha afluencia de máis dun milleiro de persoas.
O certame tivo como gañadoras as creacións "Ramonciña" (individual infantil), "Afiador" (individual adulto), "Olimpiadísimas" (parella infantil) e "Viquingos" (parella adulto). Os premios do concurso, que rexistrou un alto nivel de participación e foi moi competido, foron entregados polos concelleiros Fernando Vázquez, José Pichel, Bruno Portela e Galiza Aguete.
Ademais, tamén houbo distincións para os oitos grupos e comparsas "¿Dónde vas Paco?", "Os Saramajeiros", "Equipo de curling", "Hakuna Matata", "Paxaros e paxaradas. Non me andes no millo!", "Canta! Borela", "Cañon de Pau" e "Postres lácteos caroianos". Cómpre sinalar que moitos destes conxuntos procedían de parroquias do propio municipio, como Viascón, Caroi, Carballedo, Almofrei, Borela ou Valongo, ou das propias Escolas Deportivas Municipais, que se organizaron en grupo e deseñaron as súas creacións a través dos obradoiros organizados polo Concello de Cerdedo-Cotobade dende o pasado mes de febreiro.
Polo demais, a xornada foi moi animada e a participación moi elevada, favorecida pola amable climatoloxía, e contou cos xa citados pasarrúas polo centro da Chan e os concursos de disfraces, animación musical, inchables e xogos para os cativos e degustación gratuíta de postres típicos da zona e do Entroido, como chulas, vincha e orellas.