Máis de 8.000 persoas recibiron xa a cuarta dose da vacina contra a covid-19 na área sanitaria

Pontevedra
17 de outubro 2022

Os vacunódromos de Pontevedra e Vilagarcía seguen abertos para administrar a vacina a persoas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos

Dobre vacinación da cuarta dose contra a covid-19 e da gripe en Campolongo Mónica Patxot

A campaña de vacinación contra a covid-19 segue en marcha na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés coa administración da cuarta dose, ao longo de toda esta semana, a persoas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos.

Juan Vázquez, coordinador da campaña, precisa que para esta semana están citados no Edificio Administrativo da Xunta en Campolongo unhas 2.500 persoas cada día. Mentres que en Fexdega, en Vilagarcía, serán chamados 900 pacientes diarios; e ao Hospital do Salnés, 500 o sábado e outros 500 o domingo.

Puntualizou Vázquez que ata o 12 de outubro foran vacinadas na área sanitaria coa cuarta dose contra a covid-19 un total de 8.071 persoas. Unha cifra que crecerá de forma notable en canto actualicen os datos da última semana.

Aínda que preto do 75 % das persoas chamadas están a acudir á súa cita para poñerse a vacina, desde o Sergas inician tamén unha campaña de repesca nos centros de saúde para picar a aquelas persoas que, polo motivo que fose, non puidesen vacinarse o día indicado.