Máis de 700 veciños de Poio solicitaron a recollida de voluminosos durante o primeiro semestre do ano

Poio
13 de agosto 2021

Os responsables da prestación reciben unha media de preto de 30 chamadas ao día, entre as que se inclúen solicitudes de retirada de restos de gran tamaño ou petición de información

Restos de lixo voluminosos Concello de Poio

O servizo de recollida de voluminosos experimentou un importante crecemento durante a primeira parte do ano vixente con respecto ao exercicio 2020. Entre os meses de xaneiro e xuño, leváronse a cabo máis de 700 recollidas, cunha media mensual de 120 retiradas de residuos de gran tamaño de domicilios particulares. 

A tenente de alcalde e responsable da área de Servizos Municipais, a socialista Chelo Besada, engade que os responsables desta prestación reciben preto de 30 chamadas diarias por parte da veciñanza de Poio, solicitando o traslado de todo tipo de restos, entre os que se atopan colchóns, mobles, electrodomésticos, bombillas, pilas, roupa e chatarra. 

"Son residuos que, ou ben polo seu tamaño ou pola imposibilidade que poden ter os seus propietarios á hora de trasladalos, chaman para que se efectúe a recollida", indica a tenente de alcalde, que entende que o bo funcionamento deste servizo demostra "o compromiso que existe pola meirande parte da cidadanía no que á concienciación do respecto ao medio ambiente se refire, xa que é moi importante que estes restos reciban un tratamento axeitado". En total, durante o primeiro semestre recibíronse 720 peticións para facer uso do servizo. 

O mes de abril foi o de maior afluencia, con 145 chamadas. En ocasións, estas chamadas tamén se realizan por parte de particulares para solicitar información. Tanto en xaneiro como en febreiro rexistráronse 114 chamadas, por 113 en marzo, mentres que en maio e xuño foron 116 e 118, respectivamente. O incremento con respecto a 2020 percíbese especialmente comparando os primeiros catro meses, de xaneiro a abril. Nese tempo, o aumento foi dun 25%, segundo se recollen nos informes elaborados polos responsables deste servizo. 

A veciñanza pode solicitar este servizo chamando ao número de teléfono 986771185. O horario de atención ao público é de 9.00 a 13.00 horas, de luns a venres. 

Chelo Besada incide na importancia de facer uso da recollida de voluminosos, que tamén contempla a opción de recoller restos de poda (evitando, deste xeito, que se depositen nos colectores de lixo) así como o funcionamento dispositivos como o Punto Limpo Móbil, para garantir que se realice un tratamento axeitado de determinados residuos.