Máis de 61.600 pontevedreses xa teñen a cuarta dose da vacina contra a covid-19

Pontevedra
03 de novembro 2022

Segundo as cifras provisionais, entre as persoas maiores de 70 anos, a asistencia media diaria foi do 70% da poboación diana mentres que na franxa de idade de 60 a 69 a media baixa ao 60%. Durante as xornadas de xoves e venres están citadas en Campolongo 3.000 persoas e no recinto de Fexdega, 1.300. Para a fin de semana, serán 2.500 en Pontevedra e 700 no Hospital do Salnés

Dobre vacinación da cuarta dose contra a covid-19 e da gripe en Campolongo Mónica Patxot

A campaña de vacinación da dose de recordo contra a covid-19 xa chegou a 61.600 persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pacientes maiores de 60 anos e persoal sanitario que acaba de recibir a cuarta dose. 

O coordinador de vacinación e director de enfermería da área sanitaria, Juan Vázquez Vilar, fixo balance este xoves da campaña, que comezou en outubro e supuxo a reapertura dos recintos de vacinación masivos da sede da Xunta de Campolongo en Pontevedra e do recinto feiral de Fexdega en Vilagarcía. 

Segundo as cifras provisionais, entre as persoas maiores de 70 anos, a asistencia media diaria foi do 70% da poboación diana mentres que na franxa de idade de 60 a 69 a media baixa ao 60%. 

De todos os xeitos, Juan Vázquez matiza que hai "certa variabilidade en canto á asistencia por días", xa que hai xornadas do 80% e outras do 65%.

No que queda desta semana, seguirase vacinando en Campolongo e Fexdega ao grupo de 60 a 69 anos e manterase a campaña de repesca da franxa de 70 a 79 que non acudiron á primeira cita. 

Durante as xornadas de xoves e venres están citadas en Campolongo 3.000 persoas e no recinto de Fexdega, 1.300. Para a fin de semana, serán 2.500 en Pontevedra e 700 no Hospital do Salnés. 

O luns 7 de novembro comeza a repesca das persoas de entre 60 e 69 anos e entre o martes 8 e o xoves 10, haberá repesca do persoal sanitario, que nun primeiro momento acudiu a centros de saúde e agora será vacinado nos recintos de vacinación masiva. 

Tamén continúa a vacinación nos centros de atención primaria cabeceira de comarca  para as persoas maiores de 80 anos e tamén a campaña que se realiza en domicilios para as persoas inmobilizadas.