Máis de 3.000 persoas ateigan a Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

Umia
26 de febreiro 2023

Ao evento gastronómico asistiron José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e alcaldes de distintos municipios acompañando a Manuel Campos, rexedor de Cuntis, nesta vixésimo cuarta edición dunha festa declarada de Interese Turístico de Galicia

Autoridades na Festa do Lacón con Grelos de Cuntis 2023 / Delegación do Goberno en Galicia

Éxito absoluto de asistencia de público na vixésimo cuarta edición da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, que se celebraba este domingo 26 de febreiro coa presenza de máis de 3.000 comensais na carpa instalada polo Concello.

A esta cifra hai que sumar aquelas persoas que celebraron esta festa en distintos restaurantes do municipio.

José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, acudía ao evento do mesmo xeito que Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra,  acompañada por outros cargos da institución provincial e representantes socialistas como David Regades, secretario xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra provincia. Tamén asistiu ao evento Luisa Piñeiro, secretaria xeral provincial do PP.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, amosábase satisfeito pola ampla presenza de visitantes, tal e como xa se comprobou no concerto do sábado a cargo de Los Secretos.

 Ás 12.30 horas, a humorista Eva Iglesias, coñecida polas súas intervencións en programas como Land Rober da Televisión de Galicia, encargouse de dar a benvida ás persoas asistentes. Durante toda a xornada non faltou a animación e a música a cargo da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis, a Banda de Música de Lubián, charanga Támega e All Stars.

Os asistentes tamén puideron asistir a exposicións de camelia, mel, traxe tradicional de Entroido e cerámica de Castrolandín, ademais de showcooking e cata comentada con diferentes meles.

Pero o momento esperado por todos atopábase na degustación do saboroso prato de lacón con grelos, que volveu xerar entusiasmo entre os comensais, que destacaron a organización desta cita culinaria, que leva o distintivo de estar catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia.