O programa de integración laboral de "La Caixa", Incorpora, renóvase por décimo cuarto ano consecutivo en Pontevedra, cun balance positivo do ano anterior. En 2019, facilitouse a creación de 255 postos de traballo a persoas vulnerables.
Isto foi posible grazas á implicación de 127 empresas e a entidade social Érguete neste proxecto de responsabilidade social.
En Pontevedra, das 255 insercións realizadas, 140 foron mulleres e 115, homes. Ademais, 39 das insercións foron de persoas con algunha discapacidade, e 216 de persoas en risco ou situación de exclusión.
Incorpora ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social, neste caso, centradas na integración laboral de persoas en situación de vulnerabilidade, como persoas con discapacidade, mozas en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, desempregados de longa duración e exreclusos, entre outros.