Máis de 200 veciños de Poio participaron nas primeiras excursións do programa 'O meu xacobeo'

Poio
17 de febreiro 2020

As visitas paralízanse durante dúas semanas por mor da celebración do Entroido e se retomarán o vindeiro 7 de marzo

Excursión do programa 'O meu Xacobeo: 8 fitos do Camiño de Santiago' Concello de Poio

Máis de 200 persoas participaron xa na primeira edición do programa 'O meu Xacobeo: 8 fitos do Camiño de Santiago'. Esta iniciativa, impulsada pola Concellería de Cultura, en coordinación co Instituto para el Desarrollo Educativo y Cultural, consta de oito excursións, a través das cales os participantes teñen ocasión de coñecer diferentes tramos dos roteiros que cada ano percorren milleiros de peregrinos ata chegar á capital de Galicia.

Desde o pasado 25 de xaneiro, data na que se estreou a iniciativa, xa se completaron catro trazados diferentes, en Tui (Camiño Portugués), San Cristovo de Cea (Vía da Prata), O Cebreiro (Camiño Francés) e Bóveda (Camiño Primitivo). En cada unha destas excursións tomaron parte 54 inscritos. Ademais, en vista da alta demanda, existe unha lista de agarda. Á hora de tramitar as reservas, a veciñanza de Poio ten preferencia.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, amósase moi satisfeita coa resposta que está tendo esta actividade e lembra que, ademais da posta en valor e da promoción do Camiño de Santiago, estas actividades son unha fórmula de lecer e de apostar polos hábitos saudables.

As visitas paralízanse durante dúas semanas por mor da celebración do Entroido e se retomarán o vindeiro 7 de marzo. Trátase dunha excursión a Sobrado dos Monxes, pertencente ao Camiño do Norte. O período de inscricións permanecerá aberto desde o 27 de febreiro ata o 4 de marzo. Como é habitual, o punto de encontro quedará fixado na Praza do Mosteiro, desde onde partirá o autobús a primeira hora da mañá.

O 14 de marzo a visita será a Pontedeume, como parte do Camiño Inglés, mentres que o día 21 a Ruta do Mar, con Catoira como parada, será a protagonista. Pechará o programa a excursión a Muxía, como parte do Camiño de Fisterra.

As anotacións poderán facerse tanto no Rexistro Xeral do Concello, de xeito presencial, ou a través da Sede Electrónica, cubrindo o pertinente formulario de inscrición e achegando copia do DNI. As prazas están limitadas a 54 por saída. 

 

Arquivado en