Desde que se iniciou o estado de alarma, a actividade na Cruz Vermella volveuse frenética. A posta en marcha do Plan Responde fronte ao COVID-19 en todo o territorio español está a funcionar desde o primeiro día coa intención de ofrecer os recursos esenciais ás persoas que, durante esta pandemia, máis o necesitan.
María Durán, responsable de comunicación de Cruz Vermella Pontevedra, sinala que comezaron realizando chamadas a máis de 9.000 persoas en toda a provincia de idades avanzadas e en situación de risco para coñecer en que situación se atopaban e poñerse á súa disposición para o caso de que presicen algunha axuda urxente.
Este traballo realízase coa axuda de máis de 200 novos voluntarios que responderon á campaña de filiación desenvolvida pola Cruz Vermella na provincia. Todos contan coas medidas de seguridade e coñecen os protocolos para intervir nos casos de axuda en que son demandados.
Agora, atópanse na fase de recoller demandas, sobre todo en casos de persoas maiores que viven soas. Este mesmo mércores atendían o caso dun usuario de Vilaboa que precisaba que lle proporcionasen agullas para a inxección de insulina. Os voluntarios trasládanse cun certificado de mobilidade que especifica a función que están a realizar.
Durante este mes, afirma María Durán, perciben unha gran demanda de vales de alimentos. As empresas que se acolleron a ERTEs provocaron que numerosas familias quedáronse con escasos recursos e á espera da cobranza de axudas. A representante de Cruz Vermella indica que desde a organización priorizan aqueles casos de familias onde hai menores pero tentan cubrir o máximo de poboación que o precise.
María Durán: "Temos que apoiar a xente. Estamos a devolver á cidadanía todo o apoio que sempre prestaron á Cruz Vermella"
O voluntariado tamén se encarga de atender ás persoas sen vivenda que utilizan como albergue o Pavillón Multiusos da Xunqueira, que estableceu o Concello de Pontevedra. Alí a Cruz Vermella montou 50 camas con sacos de durmir e almofadas para que esas persoas poidan descansar durante a súa estancia. Actualmente, ao redor dunha quincena de cidadáns sen fogar empregan estas instalacións a diario. A Cruz Vermella tamén xestiona os albergues de Vilagarcía de Arousa e de Vigo.
Outra das actividades consiste en manter contacto telefónico cos escolares a través do apoio do voluntariado. E tamén se pon en marcha a orientación laboral a través de recomendacións que se realizan a través dunha chamada.
"O teléfono non para", recoñece María Durán, orgullosa do labor que están a acometer: "Temos que apoiar a xente. Estamos a devolver á cidadanía todo o apoio que sempre prestaron á Cruz Vermella".
Entre outras iniciativas, que se centralizan desde o Plan Cruz Vermella Responde, atópase a de apoio psicosocial para calquera persoa que precise falar. Os voluntarios psicólogos de toda a rede atenden as chamadas desde as 10.00 ata as 14.00 horas e desde as 16.00 ata as 20.00 horas. As chamadas son anónimas e gratuítas no número 900.107.917 do teléfono Cruz Vermella Escoita.
"A loxística está a ser brutal", afirma María Durán, que recoñece que tamén se están atopando co lado máis amable da xente, que ten ganas de falar e que están pendentes e recoñecendo o seu traballo.
Outro grupo encárgase de elaborar EPIs (equipos de protección individual): bolsas de máscaras e pares de luvas. Para todos estes traballos, María Durán afirma que están a contar co apoio de numerosas entidades e empresas que doan material de protección e realizan doazóns.
Aquelas persoas que estean interesadas en colaborar coa Cruz Vermella pode poñerse en contacto coa organización a través do correo electrónico: donativos@cruzroja.es ou no teléfono 900.104.971, de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas.