Máis de 20 axentes locais realizaron controis nocturnos nas fins de semana deste verán en Sanxenxo

Sanxenxo
26 de setembro 2022

O Concello de Sanxenxo indica que o acordo de colaboración cos gobernos locais de Vilagarcía, Cambados e A Illa de Arousa permitiron ese reforzo do servizo con 25 policías locais

Auxilares da Policía Local de Sanxenxo neste verán de 2022 Concello de Sanxenxo

25 axentes de policía e 33 auxiliares reforzaron durante este verán ao cadro de persoal fixo do corpo municipal de policías locais, segundo indica o goberno de Telmo Martín. Esta ampliación realizábase a través dun acordo de colaboración entre Sanxenxo e os municipios de Vilagarcía, A Illa de Arousa e Cambados, que se materializaba durante os meses de xullo e agosto.

Luisa Fariña, xefa da Policía Local de Sanxenxo, sinala que esta experiencia resultou moi satisfactoria pola gran implicación e profesionalidade dos axentes. Os reforzos permitiron ampliar a presenza policial durante os controis nocturnos das fins de semana, coa incorporación de máis de 20 axentes. 

Con este operativo incrementábanse a vixilancia en momentos de máis actividade nocturna sen que afectase as vixilancias diúrnas diarias. Desde o goberno local de Sanxenxo agradecen que os concellos veciños facilitaron que os seus traballadores puidesen desprazarse a Sanxenxo para realizar estes traballos de reforzo. Tamén agradece a colaboración da Xunta de Galicia na contratación de auxiliares da Policía Local e o reforzo realizado tamén por parte da Garda Civil durante os meses de verán, garantindo a seguridade tanto de visitantes como de residentes habituais.

O Concello de Sanxenxo mostra a súa intención de repetir este operativo en próximos veráns para manter o control durante os meses en que se cuadriplica a poboación.