Máis de 1.100 persoas están inscritas para unha Pontevedrada que partirá a Santiago o 27 de abril

Pontevedra
19 de abril 2024

Nesta ocasión, os participantes partirán rumbo á Praza do Obradoiro, espazo emblemático da capital galega, o próximo sábado 27 de abril. Completarán os 67 quilómetros, a través do Camiño Portugués, que separan ese enclave da pontevedresa Praza de España

Presentación da Pontevedrada 2024 Concello de Pontevedra

Un total de 1.154 persoas son as que están rexistradas para participar nunha nova edición da Pontevedrada, a marcha solidaria entre Pontevedra e Santiago que busca concienciar á cidadanía da importancia das doazóns de sangue, órganos e tecidos.

Nesta ocasión, os participantes partirán rumbo á Praza do Obradoiro, espazo emblemático da capital galega, o próximo sábado 27 de abril. Completarán os 67 quilómetros, a través do Camiño Portugués, que separan ese enclave da pontevedresa Praza de España.

A Pontevedrada, que chega este ano a súa décimo cuarta edición, foi presentada este venres polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Asociación de amig@s de la Pontevedrada (Asampo), Fran Pérez.

Este último destacou que a deste ano "no es una edición más", porque a organización contará dun desfibrilador que acompañará os participantes durante todo o traxecto por seguridade. "Esperemos no tener que usarlo, pero nos encontramos más seguros", subliñou Pérez.

Ademais, haberá máis apoio sanitario, pasando de dous a tres coches, e dous voluntarias ofrecerán a posibilidade de que os camiñantes fagan a tarxeta de doante.

O Concello colabora con esta andaina, segundo explicou o alcalde, ofrecendo un dispositivo que garanta a súa saída de Pontevedra e tamén co aluguer de dous autobuses nodriza para recoller a toda esa xente que por calquera motivo non poida continuar o traxecto e queira regresar a casa.

"É fundamental doar sangue, tecidos e órganos. Que sexamos un dos países que máis doantes ten é grazas ao traballo dos voluntarios como Asampo, que fomentan e visibilizan este tema", quixo destacar Fernández Lores durante esta presentación.