Máis coches que nunca nos meses de xaneiro e febreiro no parking do porto deportivo de Sanxenxo

Sanxenxo
15 de marzo 2020

Segundo o goberno local de Sanxenxo, nos dous meses se acadron cifras máis propias de primavera e outono que do inverno, que é o período máis frouxo en canto á actividade turística

Porto deportivo de Sanxenxo Nauta Sanxenxo

O aparcadoiro Nauta de Sanxenxo recadaba en xaneiro 15.995 euros, un 63% máis que en 2019, cando se lograron 9.799 euros, que xa fora unha cifra importante superando nun 37% os datos de 2018 durante ese mesmo mes.

En febreiro deste 2020, a recadación ascendeu a 16.377 euros, un 56% máis que en 2019, no que se logrou 10.527 euros. Segundo o goberno local, a recadación durante estes dous meses triplicou as cifras obtidas en 2016, a pesar de que o tempo meteorolóxico non acompañou.

Desde o goberno de Telmo Martín indican que a explicación se atopa no crecemento da tempada baixa que xa viña manifestándose durante os últimos anos tanto nos datos do aparcadoiro como nas pernoctacións hostaleiras e nas cifras de auga e recollida de lixo. A iso, súmanlle a atractiva oferta hostaleira e gastronómica da contorna do porto e o prezo do aparcamento que se sitúa en 1,67 euros por hora.

Tamén afirman que os cambios de tráfico nos últimos meses facilitan a entrada de vehículos ao porto, principalmente os que proceden da autovía. Segundo o goberno local, o porto deportivo que en novembro cumprirá 15 anos está a converterse no dinamizador da actividade económica do municipio.