Non será inminente, porque terá que validalo o comité clínico a próxima semana, pero a Xunta de Galicia e o sector do lecer nocturno acordaron novos pasos para que pubs e discotecas vaian encamiñándose cara a unha total normalidade.
Aínda que o sector tivo que rebaixar as súas pretensións iniciais, o consenso alcanzado coa administración supoñerá o aumento dos aforos. Os locais de lecer nocturno poderán abrir cunha capacidade máxima do 75%, fronte ao 50% que lles permiten actualmente.
Ademais, poderán estar abertos unha hora máis, ata as catro da madrugada.
Trátase, segundo ambas as partes dun protocolo de transición ata que a situación epidemiolóxica sexa máis favorable e se poidan eliminar practicamente todas as restricións.
Para a aplicación deste protocolo, a Xunta quere recuperar o uso do certificado covid como requisito para acceder a estes locais, pero prevé solicitar o amparo xudicial.
Aínda que o Tribunal Supremo xa avalou que poida usar en determinadas situacións e contextos epidemiolóxicos, falta por concretar se se pode empregar como condición para acceder a pubs e discotecas.
A Xunta e o sector volverán reunirse o vindeiro luns para pechar os flocos do protocolo.