Maioría absoluta socialista no Grove e Cambados abre a posibilidade a un tripartito

O Salnés
27 de maio 2019

O Partido Popular perde as maiorías absolutas que ostentaba en Meaño e Meis, mentres que Independentes por Ribadumia si consegue un apoio maioritario e poderá gobernar en solitario

Resultados das municipais en Cambados ao 100% escrutado David López

Importantes cambios nas corporacións dos diferentes municipios da comarca do Salnés.

O primeiro deles é a maioría absoluta lograda polo PSdeG-PSOE no Grove, onde a candidatura do actual alcalde, José Antonio Cacabelos, aumentou o seu apoio ata os 10 concelleiros, 2 máis que fai catro anos, co 51,51% dos votos. Completarán a corporación municipal meca o Partido Popular de Beatriz Castro con 3 edís (1 menos), polos 2 de Esquerda Unida e do BNG respectivamente.

En Cambados pola súa banda a fragmentación segue sendo a protagonista catro anos despois, deixando aberta a porta á repetición dun cuadripartito que estaría encabezado polo Partido Socialista de Fátima Abal con 4 edís xunto a Somos Cambados con 3, BNG con 2 e Camba Pode con 1 concelleiro, aínda que sería posible pechar un pacto coas tres primeiras formacións deixando fóra a Camba Pode. O Partido Popular de Luís Aragunde, aínda que perde un representante, mantense como lista máis votada con 7 actas.

Partido Socialista e BNG teñen na súa man cambiar o goberno de Meis, ata o de agora en poder do Partido Popular con maioría absoluta. O PP con José Luis Pérez como candidato mantense como o máis votado con 5 edís, os mesmos que suma o Partido Socialista de Marta Giráldez, mentres que o BNG consegue un representante.

Independentes por Ribadumia pasou a ser a primeira forza política do municipio, conseguindo a maioría absoluta da man de David Castro con 8 concelleiros, tres máis que na anterior cita coas urnas. O PP pola súa banda perde a metade dos seus representantes e queda en 3, mentres que PSOE e Somos Ribadumia suman un edil cada un.  

O PP perdeu a maioría absoluta coa que contaba no Concello de Meaño, onde a lista encabezada por Carlos Viéitez quedou con 6 representantes, uns menos que nas anteriores eleccións e que vai parar a Meaño Independente, onde José Manuel Aspérez consegue 5 edís, que sumados os 2 do Partido Socialista poden supoñer un cambio de goberno. 

Arquivado en