O histórico empresario Magín Froiz, falecido en marzo de 2022, xa é oficialmente fillo adoptivo de Poio. O alcalde, Luciano Sobral, fixo entrega este martes do título, facendo así realidade o acordo plenario acadado a finais do ano pasado coa unanimidade de toda a Corporación municipal.
O acto chegou a piques de cumprirse o primeiro aniversario da súa defunción. Foi un evento íntimo de recoñecemento que se celebrou no Casal de Ferreirós, e que contou coa presenza dos membros do Goberno local e da oposición.
Pepa, a muller do empresario, recolleu o diploma. No acto, acompañárona varios familiares do fundador do Grupo Froiz e tamén o responsable do GD Supermercados Froiz, Evaristo Portela.
Sobral sinalou que, con esta distinción, o Concello de Poio honra a memoria dunha figura "de gran trascendencia" para Poio, "un dos mellores embaixadores que o noso municipio puido ter, habida conta do labor que lle levou a ser un referente no eido social, económico e deportivo máis alá do noso concello".
A concelleira de Deportes, Marga Caldas, cuxo departamento foi o encargado de tramitar o expediente para o nomeamento de Fillo Adoptivo de Magín Froiz., destacou que Magín Froiz foi "un activo indispensable para o noso concello, cun afán de superación que lle levou a crear unha das empresas máis importantes do país, sen esquecer a súa paixón polo deporte e a axuda que prestou ás familias e persoas máis necesitadas".
O alcalde destacou o "espírito solidario e altruísta" de Froiz e sinalou que "sen lugar a dúbidas tiveron a mesma grandeza que a súa capacidade profesional, que o levou a ser un dos grandes dinamizadores económicos de Poio e de Galicia, creando milleiros de postos de traballo".
O alcalde tamén quixo poñer en valor o esforzo que realiza a familia Froiz, quen "representa e encarna á perfección os valores que nos deixou Magín como gran legado. Con este nomeamento queremos que a súa figura sexa lembrada polas futuras xeracións e Corporacións locais", engadiu.
O acto contou coa participación do grupo de gaitas da Asociación Cultural Vides Novas.
Este non será o único recoñecemento que o Concello de Poio fará na memoria de Magín Froiz, xa que para finais deste mes de marzo está prevista a inauguración dun monólito de pedra na rotonda da avenida da Praia, en Lourido, para lembrar a súa figura. O emprazamento foi elixido por ser lugar de paso habitual para Magín Froiz.
Con este nomeamento a título póstumo, Magín Froiz súmase a outras personalidades que tamén se converteron en Fillos Adoptivos de Poio, entre as que se atopan Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (gañador do Premio Nobel da Paz en 1980 e nomeado en 2000), Alexandre Bóveda (2003) e Benito Montero (2011).