Mafari Café compra tres parcelas no polígono de Barro para montar o seu centro loxístico

Pontevedra
14 de febreiro 2020

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que este venres a Xunta de Goberno adxudicou tres parcelas do polígono de Barro á empresa Mafari Café, por un prezo de 1,6 millóns de euros

Oficinas de Mafari en Pontevedra PontevedraViva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que este venres a Xunta de Goberno adxudicou tres parcelas do polígono de Barro á empresa Mafari Café, por un prezo de 1,6 millóns de euros.

Segundo explicou Carmela Silva, a firma "vai instalar unha nave destinada a oficinas e a centralizar toda a loxística e almacenaxe" para desenvolver a súa actividade empresarial.

O grupo pontevedrés Mafari acumula 45 anos de traxectoria e actualmente está especializada en equipar os establecementos hostaleiros coa maquinaria do sector do café e hostalería, aínda que os seus primeiros pasos déronse no sector das máquinas recreativas, pero pronto se adaptaron ás necesidades do mercado e ampliaron os seus servizos.

Carmela Silva valorou esta adquisición de parcelas como unha "boa nova" e adiantou que Mafari construirá no polígono de Barro unha gran nave industrial "van ampliar todo o que ten que ver coa súa empresa e iso xerará máis e mellor actividade económica e tamén emprego".

Neste inicio do 2020 a Deputación xa vendeu catro parcelas deste polígono, as tres de Mafari e outra de Panaderías Acuña.