Madrileños e vascos, os visitantes máis habituais en Cuntis

Umia
16 de outubro 2024
Actualizado: 19:16

A Oficina Municipal de Turismo de Cuntis pechou a tempada estival prestando asesoramento a máis de 400 de persoas ao longo de todo o verán

Oficina de turismo en Cuntis Concello de Cuntis

Pechada a tempada estival, o Concello de Cuntis fai balance en materia turística.

Así, os datos recolleitos pola Oficina Municipal de Turismo emprazada no edificio da Casa da Cultura Roberto Blanco Torres reflicten que durante os meses de xullo, agosto e setembro atendéronse peticións de asesoramento de máis de 400 persoas.

Só en setembro foron preto dun cento os visitantes que solicitaron información do municipio e da súa contorna, destacando o interese pola oferta termal ou as rutas de sendeirismo, pero tamén de lugares menos coñecidos como a Lagoa de Zó, situada no alto do Monte Mesego e que coas choivas das últimas semanas loce con todo o seu esplendor.

Uns datos que demostran, segundo o alcalde Manuel Campos, que "Cuntis conta cun gran número de recursos para atraer a turismo durante todo o ano".

No que respecta á procedencia dos visitantes, a maioría chegaron de Madrid e País Vasco, seguidas doutras comunidades autónomas como Asturias ou Cantabria.

Campos defende ademais que o feito de que a oficina de turismo deixe de formar rede de Turismo Rías Baixas "non vai supoñer ningún tipo de merma no servizo, que seguirá operativo durante todo o ano".