Mabel Pérez Simal, ex secretaria xeral de CC.OO. na comarca de Pontevedra, sumouse ao proxecto de Sumar Galicia e será a número 4 da candidatura da coalición por Pontevedra para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro.
Pérez Simal foi secretaria comarcal do sindicato durante oito anos, desde marzo do 1996 ata xuño de 2004, ata que foi relevada por Xosé Luís García Pedrosa.
Tras o seu paso por Pontevedra, Pérez Simal integrouse na executiva autonómica de Comisións Obreiras, na que foi secretaria de Igualdade, de Inmigración e de Organización, ademais doutras responsabilidades.
Funcionaria na Deputación de Pontevedra e natural de Cerdedo-Cotobade, será a número 4 dunha lista por Pontevedra encabezada por un vello coñecido e compañeiro de sindicato, Ramón Sarmiento Solla, traballador do sector naval e secretario xeral de CCOO Galicia.
Pérez Simal é a única representante da comarca de Pontevedra nos postos de saída da candidatura.
Tras Ramón Sarmiento, de Vigo, ocupa o número 2 Raquel de Ana Rodríguez (Vigo), especialista en estudos de xénero; e o tres ocúpao Rocío Núñez Rúas (Cangas), educadora social e vicepresidenta Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. O número 5 é para Anxo Manuel Fernández Saborido (Ponteareas), mediador e xestor cultural, secretario da Federación Galega de Montañismo e presidente da Asociación Cultural Seraogna.