Os máis de 17.000 metros cadrados que ten a parcela de Fenosa na Parda están cada vez máis preto de ser terreos de propiedade municipal. O Concello pagará por eles 1,2 millóns de euros.
Este prezo "é unha ganga", segundo destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras informar do inicio dos trámites para a compra formal de esta parcela.
Todo este ámbito, situado na Rúa Camposanto, será reordenado para acoller o futuro edificio municipal de emerxencias.
O alcalde explicou que xa se aprobou o prego de condicións que rexerá a adquisición directa da parcela.
A empresa terá agora un prazo de dez días para a presentación da documentación necesaria para a formalización da compra dos terreos por parte do Concello.
Os tres edificios que hai dentro desa parcela teñen unha superficie construida de 5.363 metros cadrados polo que "será un espazo que dará moito xogo", subliñou Fernández Lores.
Un dos inmobles ten unha planta de superficie de 690,15 metros cadrados, mentres que outro ten planta baixa e dous andares (1.959 metros cadrados en total) e o terceiro, con soto e baixo, ocupa 2.715 metros cadrados.
O Concello xa estuda a finalidade e os usos que terá todo este ámbito urbano e está a analizar as necesidades de cada un dos corpos municipais de emerxencias.
Ademais, seguen sen desbotar a posibilidade que outras administracións poidan colaborar con este proyecto e reservar parte dos terreos para satisfacer as demandas, entre outros, da Policía Nacional.