Luz verde aos 2 millóns para o vial de praias, o Lago de Castiñeiras ou a creación de piscinas naturais

Marín
23 de setembro 2022

A alcaldesa, María Ramallo, confirmou este venres que xa se oficializou o convenio que rexe o Plan de Sostibilidade Turística, financiado con fondos Next Generation

Vista de Loira, Marín

Marín poderá desenvolver todo o seu potencial turístico nos próximos anos grazas ao Plan de Sostibilidade Turística, unha proposta que o goberno local traballou con eixes de actuación centrados no turismo verde, de calidade e respectuoso co medio, que acadou unha financiación de 2 millóns de euros.

A alcaldesa, María Ramallo, anunciou este venres que xa se firmou de xeito oficial o convenio que rexe a financiación deste convenio, dotado cos fondos europeos Next Generation, e que "de novo demostra que desde Marín somos capaces de concurrir a convocatorias públicas de fondos de financiación, porque temos proxectos sólidos, madurados e unha estratexia de mellora do noso municipio en todas as vertentes, neste caso no que respecta ao turismo".

Os eixos programáticos sobre os que pivotará o Plan de Sostibilidade Turística de Marín son catro: transición verde e ecolóxica, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.

Dentro do primeiro eixo, entrarán proxectos tan relevantes como a restauración ambiental do Lago Castiñeiras, a creación dunha estación BTT e dun sistema de préstamo de bicicletas e patíns eléctricos e a creación dunha rede de sendeiros naturais. Esta liña programática contará cunha dotación de 355.217 euros.

No que respecta á mellora da eficiencia enerxética, plantéxase a renovación do alumeado nas praias e nos espacios de ocio e parques, para substituir as antigas luminarias por novos puntos de luz con tecnoloxía LED, o que permitirá afondar no aforro enerxético.

Ademais, incluirase a renovación de toda a senda peonil e ciclable ao longo do viario, para fomentar os traslados ata os areais a pé ou en bicicleta, evitando o tráfico e reducindo as emisións de CO2 á atmosfera. En total, a esta liña destinaranse 821.739 euros.

A transición dixital no eido do turismo local será unha das asignaturas que se resolverán co Plan de Sostibilidade Turísica, co impulso dun centro de recepción de visitantes que incorpore as novas tecnoloxías, así como co impulso da presenza dixital nas canles sociais do Turismo de Marín e coa aposta pola creación de sinalización turística dixital. En total, destinarase a esta liña unha inversión de 275.219 euros.

Outro obxectivo é seguir aproveitando e mellorando o uso do espazo natural para crear experiencias turísticas únicas. Nese obxectivo enmárcase a creación das piscinas naturais no borde litoral da Praza de España, que conseguirán crear un espazo apto para o baño entre a parcela na que se ubicará o Centro Socio Cultural e o Paseo Alcalde Blanco. A súa realización, que contará con varias fontes de financiamento, cubrirá unha partida do plan de 400.000 euros.