A situación sanitaria e as limitacións de mobilidade están a ter consecuencias entre a infancia. Un grupo de estudantes do Grao de Mestre en Educación Infantil da Universidade de Santiago (USC) detectou esta problemática a través dunha enquisa entre familiares e docentes e comezou a desenvolver un proxecto para que os nenos de entre 0 e 6 anos poidan recuperar a actividade física e as habilidades de expresión corporal e facial que foron perdendo a causa da pandemia.
A partir deste obxectivo inicial, abriron as posibilidades a fomentar un coñecemento da contorna e os espazos naturais. Todas estas ideas veñen de plasmarse no proxecto 'As Aventuras de Luli', que conta co apoio das concellerías de Educación e de Deportes, Actividade Física e Saúde do Concello de Pontevedra.
Este martes presentábase o proxecto na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde, Tino Fernández, e os integrantes do grupo de comunicación de ‘As Aventuras de Luli’ Roselly Camelo, Luján Campos, María Cándido, Nerea Couceiro e Pablo Gayo. Segundo explicaron os alumnos de 3º curso da materia de Didáctica da Expresión e Comunicación Corporal do Grao de Mestre en Educación Infantil da USC, trátase dunha proposta enmarcada na metodoloxía educativa ApS, é dicir, Aprendizaxe-Servizo, consistente en traballar e aprender os contidos da materia á vez que se presta un servizo á comunidade.
Tino Fernández subliñou que esta iniciativa "está orientada a aquelas familias e centros que queiran desfrutar dun tempo de xogo ao aire libre con nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, é dicir, na etapa de Educación Infantil", polo que o material será posto a disposición dos centros escolares de Pontevedra e engadiu a importancia de "propiciar que saian ao exterior para recuperar esa actividade que se foi perdendo por mor da pandemia e, en consecuencia, evitar o sedentarismo nestas idades temperás".
Luján Campos asegurou que un dos obxectivos deste proxecto é lograr que os rapaces "pasen máis tempo coas súas familias". Para isto, segundo explicou a súa compañeira Nerea Couceiro, despregarase unha proposta de "14 vídeos con bailes, desprazamentos, exercicios de comunicación corporal e facial" polos que, ao seren completados, os pequenos obterán unhas insignias, en forma de chapa. Tanto a raposa Luli como as insignias foron deseñados por outra alumna do grupo, Katia Porto, que previamente estudou Belas Artes en Pontevedra.
PROXECTO NAS REDES SOCIAIS
Pablo Gayo explicou que a difusión de ‘As Aventuras de Luli’, unha raposa moi aventureira que saíu da súa casa para explorar a súa contorna e lograr ser unha gran ‘scout’, efectuarase a través das redes sociais específicas (@luliaventuras en Instagram e ‘As Aventuras de Luli‘ en Facebook e Youtube) a partir do vindeiro luns 10 de maio e mediante un spot promocional. Asemade, resolveranse as dúbidas e consultas a través do correo electrónico asaventurasdeluli@gmail.com.