Luis Zahera, unha visita de cine no colexio de Ponte Sampaio

Pontevedra
13 de decembro 2019

O cine é a temática sobre a que levan traballando este trimestre os alumnos do colexio de Ponte Sampaio e, como broche final a esta actividade, recibiron este venres unha visita moi especial. O actor Luis Zahera compartiu unha divertida xornada con todos eles

Visita de Luis Zahera ao colexio de Ponte Sampaio CEIP de Ponte Sampaio

O cine é a temática sobre a que levan traballando este trimestre os alumnos do colexio de Ponte Sampaio e, como broche final a esta actividade, recibiron este venres unha visita moi especial. O actor Luis Zahera compartiu unha divertida xornada con todos eles.

Os nenos e nenas de Ponte Sampaio, ante esta ilustre visita, fixeron un mural, elaboraron unha presentación multimedia coa traxectoria do actor, prepararon un cadro para gravar as súas pegadas e debuxaron varias caricaturas.

Á súa chegada, os alumnos fixeron unha pequena exposición e resumo da súa vida e, a continuación, o propio Luis Zahera compartiu con eles detalles sobre a vida dos actores, que cousas lle gustaban máis e menos da súa profesión ou como se sentira ao recibir o Goya.

Durante a súa conversa, o actor galego recoñeceu que o papel de Petróleo na serie Mareas vivas é o que recorda con máis agarimo, que educación física era a súa materia preferida no colexio ou que decidiu ser actor tras ir coa súa irmá ao teatro.

Ademais, Zahera explicou que non lle gustan nada as películas de medo nin os musicais e o alumnado deuse conta de que, a pesar de que sempre facía de malo nas películas e series, na vida real non é así, senón todo o contrario e mostrouse moi amable e cariñoso cos nenos.

Antes de marchar, o actor asinou autógrafos e deixou as súas pegadas no mural do colexio.